A Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense e a Consellería do Medio Rural reforzan a colaboración en materia de incendios

OurenseXa
Os alcaldes dos dez concellos que forman parte deste organismo reuníronse esta mañá cos representantes da Xunta para avaliar vías de cooperación no ámbito da prevención e defensa fronte ao lume
reunion-xunta-mancomunidade-voluntaria-ourense
19 Feb 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, mantivo esta mañá un encontro cos alcaldes da Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense para analizar novas fórmulas de colaboración institucional en materia de prevención e loita contra os incendios forestais.

Na reunión participaron representantes dos concellos de Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo. O obxectivo foi avaliar posibles vías de cooperación futura entre a Xunta e esta entidade supramunicipal no ámbito da prevención e defensa fronte ao lume.

Desde a Consellería lembran que xa existe unha liña de traballo conxunta coa Deputación de Ourense para apoiar a catro mancomunidades —Ribeiro, Terras de Celanova, Comarca do Carballiño e Comarca de Verín— na mellora dos seus medios contra os incendios. No marco dese protocolo, a comezos deste mes entregáronse doce novos tractores equipados con rozadoira para labores de prevención e extinción.

Ademais da dotación de maquinaria, o acordo permitiu a creación de 16 brigadas que traballaron durante seis meses, entre abril e outubro, nestas catro mancomunidades. Cada unha delas recibiu tamén unha máquina hidrostática polivalente e formación específica para o seu persoal no Centro de Loita contra o Lume de Toén.

No eido da colaboración interadministrativa, a Consellería tamén destaca o convenio asinado en decembro coa empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, as máis próximas ás vivendas. Os concellos poden adherirse voluntariamente a este acordo, que conta cunha dotación de 25 millóns de euros e forma parte dos 75,38 millóns que a Xunta destina en 2026 a tarefas de prevención, un 50 % máis que o ano anterior.

⚙ Configurar cookies
0.084297180175781