Os traballos na senda do Barbaña rematarán a principios de 2025
A Xunta porá en servizo a mediados do vindeiro ano 20 quilómetros de sendas metropolitanas en Santiago, Ourense e Pontevedra, cun investimento de 26,5 millóns de euros.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez, destacou no Parlamento o impulso destes itinerarios para o fomento da mobilidade sostible nas contornas das cidades galegas. Remarcou que o obxectivo destas actuacións son acadar cidades máis humanas, atractivas e amables para peóns e ciclistas, unha das liñas de actuación nas que o Goberno galego vén traballando con intensidade nos últimos anos. Martínez Allegue fixo fincapé no esforzo realizado pola Xunta para promover estas actuacións nas cidades, cunha complexidade que supuxo a expropiación de máis de 500 parcelas.
No que se refire ao itinerario de mobilidade sostible de Ourense, a conselleira indicou que suporá un investimento de 5,4 millóns de euros e permitirá conectar os principais equipamentos da cidade. Precisou que están en obras os dous treitos que conforman a actuación desde o pasado mes de marzo e que a previsión é que os traballos estean rematados a principios de 2025. Trátase da coñecida como senda do río Barbaña, que conecta a zona do pavillón dos Remedios con Expourense, e o treito entre a estación intermodal e a Ponte Vella, que na súa maior parte afecta á avenida das Caldas e que coincide cun treito da Vía da Prata do Camiño de Santiago.