A oposición carga contra a xestión de Jácome e apunta á posible perda de fondos europeos pola “incapacidade” do alcalde

OurenseXa
Apuntan ao “descontrol” do executivo municipal e acúsano de intentar botar a culpa aos funcionarios e á oposición da perda de subvencións de Fondos europeos por valor de 830.000 euros
jacome-recurso
1 Feb 2026

Este sábado tiña lugar no Concello de Ourense un pleno extraordinario e urxente que evidenciou as grandes tensións entre os grupos da oposición e o Goberno municipal de Gonzalo Pérez Jácome. O “surrealista” da situación, como coinciden en apuntar desde as filas nacionalistas, socialistas e populares, comezou o venres pola noite, cando os concelleiros se enteraron de maneira extraoficial da convocatoria de dito pleno, que non foi comunicada oficialmente ata o sábado a primeira hora da mañá.

Así, ao mediodía do sábado arrancaba unha sesión marcada polos reproches e insultos vertidos polo alcalde, especialmente contra os concelleiros nacionalistas, que abandonaron o salón de plenos despois de que Pérez Jácome os chamase “escoria” e “gentuza”.

A razón da convocatoria foi intentar salvar máis de 800.000 euros en facturas impagadas e subvencións millonarias dos fondos Next Generation vinculadas a ditas facturas. A urxencia da convocatoria viña dada pola necesidade de seren aprobadas antes do remate do presente mes de xaneiro.

O Goberno de DO buscaba no pleno levantar unha serie de reparos suspensivos emitidos pola Intervención Xeral ás facturas correspondentes a diversas certificacións de obras actualmente en execución e con afectación de fondos Next Generation, como o elevador da Avda. de Marín, o aparcadoiro en Coto de Canedo ou as reformas da Avenida de Portugal e da rúa Alejandro Pedrosa. Unhas facturas que tiñan que terse abonado antes do 30 de decembro de 2025 para garantir dita cofinanciación. Porén, tras este atraso, estas achegas están xa perdidas, como denuncian desde a oposición.

Porén, segundo o executivo de Pérez Jácome, e tras sacar adiante o levantamento do reparo co voto favorable dos concelleiros de Democracia Ourensana e coa abstención dos grupos municipais do Partido Popular e do Partido Socialista, o procedemento pode seguir adiante. Segundo o alcalde, grazas a este pleno in extremis “Ourense non perde a oportunidade de que Europa sufrague parte destes investimentos”.

Unha opinión totalmente contraria á do resto de grupos da oposición, que coinciden en apuntar á “incapacidade” do goberno local para pagar facturas a tempo. De feito, desde as filas nacionalistas lembran que a situación e o expediente validado este sábado reproduce o procedemento seguido coa Praza de Abastos número 1, que xerou a perda total da subvención concedida no seu día polo Goberno Central, ou máis recentemente as relativas á rehabilitación dun edificio na Praza da Trindade ou para a rehabilitación da Cadea Vella da rúa do Progreso.

Para o concelleiro nacionalista Xosé Manuel Puga, a convocatoria “demostra o terrible descontrol que hai neste Concello”, que está “totalmente á deriva”, e engade, “o obxectivo era tratar de xustificar diante de nós e diante da cidadanía a súa incapacidade, a súa inutilidade e xustificar que se imos perder de novo subvencións de Fondos europeos por valor de 830.000 euros, non é pola inutilidade da xestión do Alcalde e do Grupo de Goberno senón dos funcionarios e da Oposición”.

Xosé Manuel Puga deixa claro que o BNG “non está disposto a caer nesa maraña que quere tender o Alcalde, motivo polo cal nos ausentamos do Pleno, para non xustificar baixo ningún concepto o que pretende facer, que non é outra cousa que botarnos as culpas aos demais da súa incapacidade para xestionar o Concello de Ourense. Nós somos o dique de contención a este xeito de gobernar”.

Puga insiste, “hoxe pedímoslle que cambie de actitude e que trate de facer mellor as cousas, algo que sabemos de antemán é imposible, motivo polo cal nós non estamos dispostos a ser os seus tontos útiles e a que nun futuro poida xustificar nos demais a perda dos Fondos cando a responsabilidade é exclusivamente súa”.

Pola súa parte, desde o PSdeG, a concelleira María Fernández acusou a Jácome de intentar botar balóns fóra e de pretender botarlle a culpa aos funcionarios, e esixiu ao rexedor unha explicación e desculpas públicas ante a cidadanía por unha cuestión que lembra “é un problema político”. Desde as filas socialistas consideran que o pleno deste sábado evidenciou a “grave falta de planificación, control e responsabilidade política por parte do goberno municipal” que, consideran, debería derivar na dimisión de Pérez Jácome á fronte da alcaldía.

Desde o goberno de DO móstranse optimistas en que o procedemento siga adiante e non se perdan os fondos, aínda que desde a oposición, especialmente desde o PSdeG, cuestionan este argumento e apuntan a que serán os ourensáns quen teñan que pagar pola neglixencia do goberno municipal.

⚙ Configurar cookies
0.080627918243408