A oposición pedirá explicacións ao Concello de Ourense polas obras da Avenida de Portugal

Os grupos municipais do PP, PSOE e BNG no Concello de Ourense levarán ao pleno deste venres unha moción conxunta na que demandan ao alcalde información e solucións inmediatas ante a situación xerada pola paralización das obras na Avenida de Portugal.
Os tres grupos da oposición consideran que esta vía, unha das principais arterias da cidade tanto en termos de mobilidade como de actividade económica e social, permanece nunha situación de indefinición que afecta directamente a comerciantes e veciñanza. Segundo sinalan, a paralización está a provocar un deterioro urbano e social, con consecuencias negativas sobre a calidade de vida e a actividade económica da zona, ademais de xerar unha crecente desconfianza na xestión municipal.
Na súa proposta, PP, PSOE e BNG instan ao goberno local a ofrecer información detallada sobre o estado do expediente, incluíndo a situación contractual, as causas da paralización e unha previsión real de finalización das obras, cun calendario “claro, público e detallado de execución”.
Así mesmo, reclaman a adopción de medidas urxentes de limpeza, acondicionamento e mellora do estado xeral da rúa, incluíndo a retirada inmediata de materiais acumulados, así como a realización dunha avaliación das perdas económicas sufridas polos negocios da zona e o estudo de posibles medidas de apoio.
A moción tamén solicita a suspensión inmediata das sancións na área afectada polas obras, á espera dunha solución definitiva á situación.
Con esta iniciativa, os tres grupos da oposición buscan que o goberno municipal dea resposta á problemática xerada e impulse actuacións que permitan recuperar con axilidade a normalidade na Avenida de Portugal.
Precisamente onte, o alcalde anunciaba que as obras podrían retomarse a vindeira semana, afirmando que o Concello rescindirá o contrato con Opain por “abandono flagrante da obra sen xustificación” e adxudicará o reinicio dos traballos polo procedemento de emerxencia.