A oposición volve tumbar a ordenanza das Burgas proposta polo Concello

OurenseXa
PP, PSOE e BNG critican con dureza a intención de Pérez Jácome de cobrar 7 euros polo uso deste espazo, pechado dende hai seis anos.
Piscina Termal das Burgas pechada
30 Mar 2026

Novo revés para o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tras o pleno celebrado esta mañá, no que o Goberno municipal pretendía desbloquear a ordenanza da piscina termal das As Burgas, pechada dende hai seis anos e sen data prevista de apertura. PP, PSOE e BNG rexeitaron a proposta do executivo ao considerar que supón un “tarifazo” a un dos espazos máis emblemáticos da cidade e que sempre foi de carácter público.

Ademais, a oposición criticou con dureza que o equipo de Goberno levara a ordenanza a pleno sen debate previo sobre o termalismo da cidade, así como a falta de claridade do documento, no que non se inclúe a situación do centro de interpretación nin de dous apartamentos turísticos, senón que unicamente trata sobre a piscina.

O máis criticado por todos os grupos municipais é o prezo que o alcalde pretende cobrar a todos os usuarios, sexan residentes ou turistas. A ordenanza contempla unha tarifa de 7 euros para poder acceder á piscina, superior mesmo aos espazos termais de Outariz e A Chavasqueira, con máis vasos, maiores instalacións e investimentos moi superiores para a súa posta en funcionamento e que, segundo apuntaron dende o Partido Popular, están amortizando ditas inversións.

Pola súa parte, dende o Grupo Municipal Socialista cualifican a medida como un “tarifazo inxusto” que prexudica directamente á veciñanza. A edil socialista, Alba Iglesias, denuncia que a intención de Jácome é “poñerlle prezo a algo que sempre foi da xente de Ourense”, convertendo un espazo público e identitario nun produto turístico de pago. “Non imos apoiar que as veciñas e veciños teñan que pagar sete euros por acceder ás Burgas, o mesmo que un turista, cando este é un símbolo da cidade e un dereito colectivo”, sinalou Iglesias durante o debate.

Os socialistas consideran que a medida responde máis a unha estratexia de recadación que a unha verdadeira aposta polo termalismo público e que a intención do alcalde é “transformar un recurso público nun negocio, seguindo unha dinámica de privatización encuberta dos servizos municipais”. Ademais, subliñan que o propio expediente recoñece que a maioría das persoas usuarias serán residentes, polo que a medida supón “cobrar principalmente á xente de aquí”. Neste sentido, alertan de que o prezo proposto reducirá o acceso e uso da instalación por parte da cidadanía.

As e os socialistas tamén cuestionan a xustificación económica da taxa, lembrando que se trata dunha instalación con baixos custos de mantemento, ao non requirir gasto en auga nin grandes consumos enerxéticos. “Non hai débeda nin custos elevados que xustifiquen este sablazo”, apuntaron os socialistas, que lle reprochan ao rexedor que “se quere apostar polo turismo, que non sexa a costa de facer pagar á veciñanza polo que sempre foi seu”.

0.17711186408997