A piscina municipal Rosario Dueñas reúne ás grandes promesas da natación artística
A piscina municipal Rosario Dueñas acollerá durante esta fin de semana o Campionato de España de natación artística nas categorías Alevín Promoción, Infantil e Segunda División. A presentación do torneo tivo lugar no Pavillón dos Remedios, nun acto no que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, xunto con Fernando Carpena, presidente da Real Federación Española de Natación, Juan Carlos Brión, presidente da FEGAN; Laura Rodríguez, presidenta do CN Sincro Ourense, Manuel Perez, do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Jorge Pumar, deputado por Ourense; Beatriz Montes, directora técnica do CN Sincro Ourense e Elvira López, adestradora do CN Sincro Ourense.
A competición reúne na cidade as grandes promesas de natación artística española. Serán en total máis de 400 deportistas dunha trintena de equipos: 238 alevíns (dos que 47 son galegos) e 195 infantís (18 galegos) que competirán nas probas e acudirán esta semana a Ourense, acompañados polos seus equipos técnicos e familias.
O torneo arrinca este venres coa final do dúo mixto infantil e concluirá o domingo coa entrega de medallas do dúo libre infantil, o equipo libre infantil e o dúo mixto alevín.