A Ponte de Xunqueira de Espadanedo reabre ao tráfico tras finalizar  os traballos de reconstrución

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Levaba pechada ao tráfico dende o pasado 26 de febreiro, cando derrubouse parte dun dos seus estribos
Apertura da Ponte de Xunqueira de Espadanedo
Apertura da Ponte de Xunqueira de Espadanedo
20 Dec 2024

A Ponte de Xunqueira de Espadanedo reabriu este venres ao tráfico rodado tras finalizar  os traballos de reconstrución, logo de que o pasado 26 de febreiro caese parte dun dos seus estribos.

Os traballos que se levaron a cabo consistiron na reconstrución do apoio da ponte dispoñendo un recheo de pedra nos primeiros metros e cun ancho suficiente nos muros de sillería que permitan garantir a súa resistencia. Os traballos víronse condicionados pola necesidade de garantir a estabilidade da ponte, e pola decisión de manter a tipoloxía da ponte, en pedra, polo que foi necesario un importante subministro de cantería de pedra para poder executar a obra. Neste sentido, non foi posible utilizar os sillares da parte derrubada por ter sufrido danos e non contar coa suficiente resistencia.

A ponte foi construída no século XIX e as avaliacións técnicas realizadas sobre o estado actual do estribo, formado por dous muros de contención de sillerías laterais, evidenciaron que foi executado  sen dispoñer a anchura necesaria na súa parte inferior para garantir a capacidade de resistencia e cun recheo insuficiente e de mala calidade, o que propiciou que se derrubase na súa parte superior.

Para paliar a deficiente execución do recheo do estribo, o departamento de Infraestruturas da Xunta levou a cabo a reconstrución cun recheo adecuado no que os primeiros metros fosen de pedra e cunha sección adecuada nos muros de sillería.

A infraestrutura estaba sendo supervisada nos últimos meses, desde que se detectaron problemas, para avaliar o seu comportamento e garantir a seguridade viaria.

Ese control que estaban a realizar os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas implicou o control en 3D da ponte, con puntos “diana” para detectar movementos de modo inmediato, que foi o que permitiu actuar coa previsión suficiente e restrinxir totalmente o tráfico antes do fallo estrutural.

0.1473081111908