A Ponte Romana de Ourense iluminarase este xoves polo Día Mundial do Colangiocarcinoma

O Concello de Ourense súmase á conmemoración do Día Mundial do Colangiocarcinoma este xoves 19 de febreiro coa iluminación da Ponte Romana de cor verde, como xesto simbólico para sensibilizar á poboación sobre este tipo de cancro.
Con esta acción, o Concello colabora coa campaña #IluminaEnVerde26 da Asociación de Tumores de Vías Biliares en España (ATUVIBI), que utiliza o verde para representar a esperanza e a visibilización dos tumores da vía biliar.
Os tumores da vía biliar son crecementos anormais de células canceríxenas que se forman nas vías que transportan a bile, un líquido producido polo fígado que axuda á dixestión das graxas. Entre eles, o colangiocarcinoma intrahepático é o segundo cancro de fígado máis diagnosticado no mundo, só por detrás do hepatocarcinoma. É unha enfermidade agresiva, e o 80% dos casos detectase en fases avanzadas, cando as opcións de tratamento curativo son limitadas. A taxa de supervivencia a cinco anos apenas alcanza o 20%.