A Ponte Vella de Ourense iluminarase este xoves con motivo do Día Mundial do Cancro en Vías Biliares

OurenseXa
O Concello de Ourense súmase así á campaña posta en marcha pola Asociación de Tumores de Vías Biliares para concienciar sobre esta enfermidade
ponte-romana-ourense-recurso
Ponte Vella, Ourense
20 Feb 2025

A Ponte Vella de Ourense iluminarase de verde a noite deste xoves con motivo do Día Mundial do Cancro en Vías Biliares. O Concello súmase así á campaña posta en marcha dende ATUVIBI, a Asociación de Tumores de Vías Biliares, para concienciar sobre os tumores da vía biliar
Segundo os datos da asociación o colangiocarcinoma é un tipo de cancro que en España representa só o 1% dos casos oncolóxicos. A nivel mundial o colangiocarcinoma diagnostícase en 2 de cada 100.000 persoas ao ano, polo que é considerado un cancro raro.

A pesar diso, nos últimos anos detectouse un aumento da incidencia no colangiocarcinoma intrahepático, que xa é o segundo cancro de fígado máis diagnosticado, por detrás do hepatocarcinoma.

Nunha gran maioría dos casos, o diagnóstico deste cancro realízase en etapas avanzadas debido á falta de síntomas específicos, o que dificulta as posibilidades de tratamento efectivo.
Como conclúe a European Network for the Study of Colangiocarcinoma (ENS-CCA) no seu informe “Panorama do colangiocarcinoma en Europa” (2022), o estudo observacional internacional máis grande que se realizou ata a data cunha mostra que incluíu a 2.234 pacientes de 26 hospitais e 11 países de Europa, “o colangiocarcinoma diagnostícase con frecuencia nunha etapa avanzada, unha proporción de pacientes non recibe terapias específicas contra o cancro e o prognóstico segue sendo desalentador. É necesario identificar os factores de risco prevenibles e implementar a vixilancia nas poboacións de alto risco para reducir a mortalidade relacionada co cancro”.

Neste sentido, segundo constata o informe "As cifras do cancro en España 2025" publicado recentemente pola Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), a taxa de supervivencia a cinco anos dos tumores de vías biliares sitúase ao redor do 20%, dependendo da localización e o estadio do tumor no momento do diagnóstico.

Por todo iso, a campaña “Ilumina en verde” busca concienciar á sociedade e dar visibilidade aos pacientes que sofren esta complexa enfermidade mobilizando a cidadáns, institucións e organización.

0.16560196876526