A posibilidade de sacar adiante a moción de censura en Ourense complícase cada vez máis
As posibilidades de sacar adiante unha moción de censura no Concello de Ourense complícanse cada vez máis. As opcións de chegar a un acordo formal e viable entre os tres grupos de oposición para sacar a Gonzalo Pérez Jácome da alcaldía parecen haber chegado a un punto morto logo de que os socialistas anunciasen esta semana, co apoio do BNG, que a edil do PSdeG, Natalia González, sería a candidata á alcaldía.
O anuncio non sentou ben nas filas do PP galego, que quere ter a posibilidade de optar a alcaldía. Para eles, a decisión é “un acordo entre dúas forzas políticas completamente á marxe do PP e que vai na dirección contraria ás conversas mantidas ata agora”.
Así, os populares botan balóns fora ante a posibilidade de que a moción non saia adiante, acusando o BNG de trazar liñas vermellas nas negociacións ao impoñer como condición que o candidato ou candidata fose socialista.
Unha cuestión que non só criticaron os concelleiros do PP en Ourense, senón que foi o propio líder do PP galego, Alfonso Rueda, o que sinalou directamente á formación nacionalista de obstaculizar a moción.
O BNG, polo seu lado, mantense firme na súa decisión: só apoiará a moción se a candidatura á alcaldía recae no PSOE. Unha cuestión que non é de estrañar tendo en conta que foron os socialistas os que deron o primeiro paso para poñer a moción enriba da mesa.
Pese que os tres grupos da oposición amosaron durante as últimas semanas o seu interese por sacar a Gonzalo Pérez Jácome da alcaldía, parece que agora a falta de consenso complica moito a posibilidade levar adiante a moción.
A única opción de continuar coas conversas sería, ou ben que os populares renunciasen a optar á alcaldía, ou ben que os nacionalistas accedesen a apoiar a un candidato popular, ambas posibilidades remotas, inda que non imposibles.
Cabe lembrar que Gonzalo Pérez Jácome goberna o Concello de Ourense desde 2019 grazas ao apoio do PP con Alberto Núñez Feijoo á fronte da Xunta de Galicia. Unha situación que repetiuse no ano 2023 pese á promesa dos populares de non chegar a acordos con Democracia Ourensana e coa condición de garantir que a Deputación quedase en mans dos populares.