A Praza Maior e Progreso contarán con aforo e restricións de acceso para garantir a seguridade durante o Entroido

OurenseXa
Ambos puntos contarán con entradas e saídas diferenciadas para evitar aglomeracións e haberá baños, un Punto Violeta nos soportais da Praza Maior, un Hospital de Campaña preto da Catedral e un amplo dispositivo de seguridade cidadá
accesos-entroido-ourense
13 Feb 2026

O Concello de Ourense habilita zonas de saída e acceso aos puntos máis concorridos para garantir a seguridade durante o Entroido. Así, os accesos estarán restrinxidos tanto na Praza Maior como na Alameda, onde haberá límites de aforo. As maiores aglomeracións espéranse na noite do sábado en ambos puntos.

En canto á Praza Maior, poderase acceder unicamente pola rúa Bispo Carrascosa, a Praza das Damas e a rúa Arcedianos. As saídas realizaranse polas rúas das Tendas, Bispo Carrascosa, Santa María Nai e pola rúa Barreira. Neste punto haberá baños a ambos lados da praza e un Punto Violeta nos soportais.

Pola súa banda, o acceso ao Progreso poderá facerse pola beirarrúa dereita en dirección ao Posío (Pazo Provincial), así como pola Alameda, a rúa Parada Justel e a Avenida de Pontevedra. As saídas efectuaranse pola beirarrúa esquerda, a do edificio de Correos, así como pola Alameda e Parada Justel, tamén pola beirarrúa esquerda en dirección ao Posío. Neste punto haberá un baño na Praza de Bispo Cesáreo.

Ademais das restricións de aforo e accesos, desde a Subdelegación do Goberno informan de que se despregará un operativo especial, deseñado para garantir a seguridade, que contará coa participación da Policía Nacional, Policía Local, Protección Civil, bombeiros de Ourense, Emerxencias 112 Galicia, seguridade privada e servizos sanitarios. Entre as medidas destaca a instalación dun Hospital de Campaña preto da Catedral e dun Posto de Mando Avanzado no Concello desde o sábado ata o luns.

⚙ Configurar cookies
0.08610987663269