A Praza Vella da Valenzá pasa a chamarse Praza Alfonso Rodríguez Castelao

O Concello de Barbadás aprobou no pleno deste pasado luns varios expedientes de cambio de denominación de rúas na Valenzá e nas Lamas. No caso da Valenzá, a Praza Vella pasará a chamarse Praza Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, na honra do escritor, dramaturgo, ensaísta, político e debuxante galego.
O goberno local explica que logo de atender as propostas dos distintos grupos políticos, optou por esta praza para evitar os prexuizos que conlevaría á veciñanza e aos negocios o cambio de denominación do seu enderezo habitual. “Temos que ser responsables co alcance das medidas e o impacto na veciñanza, e por iso propoñemos a Praza Vella en lugar da avenida de Celanova, na que viven miles de familias”, apuntou Daniel Rey, tenente alcalde de Barbadás. Rey avanzou o proxecto do Concello para incluír un motivo adicado a Castelao, así como humanizar a praza e “facela accesible á xente e non aos vehículos”.
A proposta, vinculada a un acordo plenario do 2025, foi aprobada cos votos do goberno local e do PP, a abstención do PSdeG-PSOE e os votos en contra do Partido Galego e do BNG, que defenderon que debería ser a avenida de Celanova a vía denominada Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
No caso das Lamas, a rúa Milladoiro pasa a denominarse “rúa Milladoiro das Lamas”, para evitar confusións coa rúa Milladoiro localizada en Finca Fierro.