A primeira edición dos premios Semente recoñece o traballo investigador do Campus Auga

OurenseXa
Os galardóns, que se celebraron por primeira vez este xoves en Xinzo de Limia, teñen como obxectivo poñer en valor as mellores iniciativas do sector agroalimentario galego
premios-semente-xinzo
Premios Semente, Xinzo de Limia
28 Mar 2025

Xinzo de Limia foi o escenario este mércores pola tarde da entrega dos galardóns da primeira edición dos Premios Semente, creados para recoñecer as mellores iniciativas do sector agroalimentario en Galicia e destacar a colaboración entre o ámbito académico e o mundo rural. Nesta primeira edición, entre os premiados estiveron representantes da Universidade de Vigo, como o Campus Auga, un proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, e a investigadora Laura Meno.

O evento, conducido por Xosé Antonio Touriñán, contou coa presenza de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. O Campus Auga, cuxo labor se centra en áreas como a alimentación funcional, a agricultura e o medio ambiente, así como a xestión de augas termais, foi recoñecido na categoría de Compromiso Ambiental. O director do proxecto, Roberto Ignacio Fernández, foi o encargado de recoller o galardón.

Pola súa banda, a investigadora Laura Meno, integrante do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais (GISA) e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo, foi premiada na categoría de Investigación Agraria. O seu traballo centrouse en mellorar a sustentabilidade dos cultivos, especialmente o da pataca, desenvolvendo diversas investigacións para optimizar este sector en A Limia. Na súa tese doutoral, defendida na Universidade de Vigo, afondou no estudo da alternariose, unha enfermidade fúnxica que, xunto co mildio, representa unha das principais ameazas para as e os agricultores.

Os Premios Semente son unha iniciativa do Concello de Xinzo de Limia e contan co respaldo das universidades galegas. O seu propósito é recoñecer a innovación, sustentabilidade e desenvolvemento no sector agroalimentario. Ademais da entrega de galardóns, a gala foi concibida como un espazo de encontro para todas aquelas persoas que traballan na transformación do agro en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.078546047210693