A provincia de Ourense dá o pistoletazo de saída ao Entroido de 2025

A provincia de Ourense dá a benvida un ano máis ao Entroido. Felos, Peliquieiros, Pantallas, Mázcaras, Boteiros e Cigarróns saírán ás rúas para celebrar a festa por excelencia da provincia.
Aínda que en moitos lugares haberá que esperar á última semana de febreiro para comezar as celebracións, algúns entroidos coma os de Xinzo ou Maceda comezan este mesmo sábado, 8 de febreiro.
Xinzo de Limia
Recoñecido como o Entroido máis longo de Europa, o de Xinzo de Limia celébrase do 8 de febreiro ao 9 de marzo de 2025. Este sábado, ás 00.00 horas, terá lugar o tradicional Petardazo, que dá comezo ás celebracións e que prevé reunir a centos de persoas no municipio para dar a benvida oficial ao Entroido, que conta cun programa repleto de actividades. Desde hoxe e ata o 9 de marzo, a música, os desfiles e as tradicionais Pantallas serán as protagonistas desta festa declarada de Interese Turístico Internacional.
Maceda
Ao igual que en Xinzo, o Entroido de Maceda 2025 comeza este sábado co reparto de Mecos e a tradicional Solta do Burro. Ata o 7 de marzo, os asistentes poderán gozar de desfiles, obradoiros, festas e, como non podía ser doutro xeito, as tradicionais saídas dos Felos.
Ourense
Na cidade de Ourense, o Entroido comezará o 27 de febreiro e extenderase ata o 5 de marzo, cando terá lugar o tradicional Enterro da Sardina no centro da cidade. As celebracións arrancarán co Xoves de Comadres e para o sábado, 1 de marzo, a noite por excelencia do Entroido ourensán, agárdase a chegada de miles de visitantes á cidade. O programa deste ano inclúe sete días de festa na capital das Burgas, onde as charangas e os desfiles serán os indiscutibles protagonistas.
Viana do Bolo
Coñecido por ser un dos máis antigos e tradicionais de Galicia, o Entroido de Viana do Bolo celebrarase entre o 20 de febreiro e o 4 de marzo de 2025. Os Boteiros volverán saír un ano máis ás rúas e a festa da Androia regresará o Domingo Gordo.
Verín
Co programa oficial por confirmar, o Entroido de Verín comezará como é habitual o Xoves de Comadres. As fariñadas e os Cigarróns regresarán un ano máis a este Entroido, un dos máis espectaculares da provincia e que atrae a miles de visitantes cada ano.
Laza
O de Laza é outro dos entroidos máis madrugadores da provincia. Durante todos os venres do mes de febreiro e ata o 9 de marzo, os Peliquieiros percorrerán as rúas deste municipio. Declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, conta un ano máis cun extenso e variado programa de actividades que incluirán actuacións musicais, bailes, verbenas e os tradicionais folións.