A provincia de Ourense mantén a alerta polas crecidas dos ríos

A provincia de Ourense continúa en situación de alerta climática pese a aparente remisión das choivas durante boa parte de este xoves. A rede viaria continúa moi afectada en varios puntos da provincia e hai varios ríos en alerta vermella, como o Avia, o Arnoia e o Sil ao seus pasos por Arnoia, Ribadavia e O Barco de Valdeorras, respectivamente. O Miño, pola súa banda, está en alerta laranxa ao seu paso pola capital, onde se pide á cidadanía que evite achegarse ás marxes fluviais, e tamén na Peroxa.
Segundo os datos da Confederación Hidrolóxica do Miño Sil (CHMS), as maiores crecidas están previstas para o mediodía deste xoves, polo que pídese á poboación que extreme as precaucións. Os embalses, pola súa banda, están practicamente ao máximo tras varias semanas de choivas intensas e continuas, que darán unha tregua o sábado, coincidindo co Entroido.
Segundo os datos emitidos pola Deputación de Ourense, a rede viaria viuse afectada por numerosas incidencias durante estes días. Na conca do Avia, a estrada OU-0305 Ribadavia-A Arnoia (OU-402) rexistrou inundacións entre os puntos quilométricos 0+500 e 0+800, chegando a permanecer pechada durante a pasada noite entre as 00:00 e as 7:30 horas. Na conca do Limia, as estradas máis afectadas son a OU-1104 Vila de Rei-Vilar de Barrio, con inundacións en Escornabois; a OU-1114 Vilar de Santos–Ponte Liñares, totalmente afectada; a OU-1115 Santa Baia–Barracel, na travesía de Rairiz; e a OU-1107 Xinzo–Cualedro, en Rebordechá.
Na conca do río Tamega, os tramos afectados inclúen a OU-1010 Oimbra-Rabal, con inundacións en Rabal, e a OU-1011 Verín-Oímbra, entre os quilómetros 2+000 e 3+190. Mentres tanto, na conca do Miño, dende a presa de Velle ata A Peroxa, a estrada OU-0504 A Casilla-Barra de Miño tivo nivel vermello o pasado día 9, afectando os tres primeiros quilómetros da vía.
Desde a Deputación indican que os últimos avisos do 112, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e das empresas concesionarias das presas da provincia anticipan un aumento significativo dos caudais, o que probablemente implicará novos asolagamentos nos tramos sinalados. Nas últimas semanas, as actuacións máis habituais foron o desatranco de canos, a limpeza de foxos e a apertura de drenaxes para facilitar a evacuación da auga.
As continuas chuvias tamén provocaron a saturación do terreo e a subida dos niveis freáticos, o que está a xerar derrubamentos de taludes e muros, así como a formación de fochancas no firme. A Deputación puntualiza que as reparacións nesta época só poden ser temporais e preventivas para evitar accidentes.
Entre as estradas máis afectadas por fochancas recorrentes atópanse a OU-0527 Sobreira–San Martiño, a OU-0209 Celanova–Quintela de Leirado, a OU-0357 Corcores–Rubillón, a OU-0415 Brues–Portela da Cruz, a OU-0514 no polígono de San Cibrao, a OU-0604 Vilariño Frío–Parada do Sil, a OU-0703 Trives–Chandrexa, a OU-0704 ramal a Cabeza de Manzaneda e a OU-1117 Xinzo–Vilar de Barrio.
Ademais, a A-52 entre Melón e A Cañiza en dirección Vigo viuse afectada este mércores pola caída dunha árbore e, na OU-0300 entre Allariz e Celanova, unha gran balsa de auga obrigou a cortar o tráfico. Outra das incidencias rexistradas este mércores tivo lugar na estrada OU-0306 que une San Cristovo (Ribadavia) e Carballeda de Avia, onde un afundimento do firme fixo preciso o peche total da vía.