A provincia de Ourense permanece en alerta polo estado da rede viaria a causa das intensas choivas

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
As autoridades advirten dun aumento significativo dos caudais e piden aos condutores precaución ante o estado actual das estradas na provincia e posibles novos asolagamentos
presa-velle-maximo
11 Feb 2026

A provincia de Ourense continúa en situación de alerta climática, en concreto alerta amarela por chuvias, o que provocou un aumento dos caudais dos ríos e zonas de inundación que afectan á conservación das estradas provinciais. Segundo informa a Deputación de Ourense, catro concas principais presentan incidencias que poden afectar á rede viaria.

Na conca do Avia, a estrada OU-0305 Ribadavia-A Arnoia (OU-402) rexistrou inundacións entre os puntos quilométricos 0+500 e 0+800, chegando a permanecer pechada durante a pasada noite entre as 00:00 e as 7:30 horas. Na conca do Limia, as estradas máis afectadas son a OU-1104 Vila de Rei-Vilar de Barrio, con inundacións en Escornabois; a OU-1114 Vilar de Santos–Ponte Liñares, totalmente afectada; a OU-1115 Santa Baia–Barracel, na travesía de Rairiz; e a OU-1107 Xinzo–Cualedro, en Rebordechá.

Na conca do río Tamega, os tramos afectados inclúen a OU-1010 Oimbra-Rabal, con inundacións en Rabal, e a OU-1011 Verín-Oímbra, entre os quilómetros 2+000 e 3+190. Mentres tanto, na conca do Miño, dende a presa de Velle ata A Peroxa, a estrada OU-0504 A Casilla-Barra de Miño tivo nivel vermello o pasado día 9, afectando os tres primeiros quilómetros da vía.

Desde a Deputación indican que os últimos avisos do 112, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e das empresas concesionarias das presas da provincia anticipan un aumento significativo dos caudais, o que probablemente implicará novos asolagamentos nos tramos sinalados. Nas últimas semanas, as actuacións máis habituais foron o desatranco de canos, a limpeza de foxos e a apertura de drenaxes para facilitar a evacuación da auga.

As continuas chuvias tamén provocaron a saturación do terreo e a subida dos niveis freáticos, o que está a xerar derrubamentos de taludes e muros, así como a formación de fochancas no firme. A Deputación puntualiza que as reparacións nesta época só poden ser temporais e preventivas para evitar accidentes.

Entre as estradas máis afectadas por fochancas recorrentes atópanse a OU-0527 Sobreira–San Martiño, a OU-0209 Celanova–Quintela de Leirado, a OU-0357 Corcores–Rubillón, a OU-0415 Brues–Portela da Cruz, a OU-0514 no polígono de San Cibrao, a OU-0604 Vilariño Frío–Parada do Sil, a OU-0703 Trives–Chandrexa, a OU-0704 ramal a Cabeza de Manzaneda e a OU-1117 Xinzo–Vilar de Barrio.

⚙ Configurar cookies
0.089778900146484