A provincia de Ourense rexistrou un total de 283 lumes forestais entre xaneiro e novembro de 2024

OurenseXa
Os lumes afectaron a un total de 1.236,51 hectáreas
Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais
Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais
4 Dec 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, manifestou esta mañá que dende o 1 de xaneiro ata o 30 de novembro do 2024 houbo na provincia de Ourense un total de 283 lumes que afectaron a 1.236,51 hectáreas, das que 987,21 se corresponderon con superficie rasa, e 249,30 arborada; sendo estes os números máis baixos da última década na provincia.

Así o fixo na Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais, que se desenvolveu esta mañá na Delegación Territorial e na que participaron membros da Dirección Territorial de Medio Rural, responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil para facer valoración da campaña deste ano 2024, que estivo operativa desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios forestais.

O delegado territorial comezou a súa intervención valorando e agradecendo o labor do persoal enviado pola Xunta para apoiar os damnificados da DINA en Valencia, pois parte dos efectivos desprazados forman parte do Servizo de Prevención e defensa contra incendios forestais (SPIF), amais dos vehículos todoterreo mobilizados pola Consellería do Medio Rural.

A continuación, Manuel Pardo destacou que que atinxe ao período de alto risco (entre xullo e setembro), o número de incendios foi o máis baixo da serie histórica, con 71 en total no conxunto de Galicia e 1.407 hectáreas ardidas. Salientou tamén a progresión descendente rexistrada neste período nos últimos anos, xa que nos últimos cinco anos pasouse de algo máis de mil incendios a practicamente a metade (521 rexistros, contemplando tamén conatos e queimas) e de preto de 14.000 hectáreas afectadas a menos de 2.000).

Sobre os incendios rexistrados en outubro ou mesmo en novembro, o delegado territorial mencionou tres factores que inflúen directamente neles, como son a evolución da situación climatolóxica, que fai que estes meses sexan máis cálidos do habitual, a desestacionalización dos lumes e a intencionalidade. En todo caso, sinalou que, malia estas circunstancias adversas, os plans e o persoal de incendios funcionaron “coa maior das dilixencias” e fixo especial fincapé na redución dos tempos de reacción que se vén rexistrando nos últimos anos.

Dispositivo de vangarda e prevención

Manuel Pardo louvou a eficacia do dispositivo de loita contra os incendios forestais, recalcando que pivota sobre catro elementos fundamentais, os medios humanos, os de carácter técnico, as infraestruturas e as medidas de prevención. Do primeiro eixo, o factor humano, a conselleira destacou o compromiso da Xunta a prol da súa estabilidade laboral, de tal forma que neste 2024 dous terzos dos profesionais xa traballan ao longo de 12 meses e un terzo fixérono este ano durante sete meses, en 2025 serán oito e chegarase aos nove meses no 2026. Fixo énfase tamén na formación, cun plan específico que no período 2025-2028 contará cun orzamento de cerca de 1 millón de euros cada ano.

O representante do Goberno galego tamén se referiu aos medios técnicos despregados e incidiu especialmente no Centro de Coordinación Central de defensa contra incendios forestais, que cualificou como único en España e que está dotado coas últimas tecnoloxías e deseñado en función das necesidades que ían aparecendo con cada lume. Entre todas esas melloras, salientou os sistemas de vídeovixilancia, con 187 cámaras que dan cobertura a máis do 85% da superficie forestal da comunidade galega.

De xeito particular, Manuel Pardo referiuse ás bases aéreas como a de Verín-Oímbra, que entrou en servizo este ano, así como ao reforzo das de Muíños, Antela, Támega e O Barco de Valdeorras. Tamén salientou as Bases das Unidades Operativas coñecidas como BUOS, sinalando que este ano destináronse 1,5 millóns de euros para as de Mondoñedo, Muíños e Rianxo e que en 2025 chegaralle a quenda á de Bande, que conta cun investimento de 800.000 euros.

No referido á prevención, o delegado territorial lembrou os labores que se integran no Pladiga e subliñou os esforzos en medidas complementarias, como son as ferramentas de mobilización da Lei de recuperación da terra agraria, o Banco de terras, os pasteiros ou mesmo o Inventario Forestal Continuo de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.085291147232056