A Rede Provincial de Canceiras de Ourense recolleu un total de 632 animais abandonados durante o ano 2025

A Rede Provincial de canceiras da Deputación de Ourense, que presta servizo a 86 concellos da provincia para a recollida, custodia e xestión de animais abandonados, atendeu no ano 2025 un total de 632 cans. Deste total, 113 foron devoltos aos seus propietarios, 453 adoptados e dous sometidos a eutanasia terapéutica. Ademais, 70 animais entregáronse directamente aos seus donos no lugar de orixe, sen quedar rexistrados no libro oficial.
O servizo de recollida, explican dende a Deputación, actúa normalmente nas 24 horas seguintes ao aviso. Destaca que case o 100 % dos cans identificados con microchip son devoltos aos seus propietarios, aínda que estes seguen sendo unha minoría, a pesar da obrigatoriedade da identificación. Nos casos de cans non identificados, só arredor do 10 % poden ser recuperados polos seus donos.
En canto ás adopcións, mantéñense unhas cifras moi positivas, en boa parte grazas ao labor das asociacións colaboradoras, que representan máis do 76 % das adopcións. A maioría dos animais (máis do 75 %) son adoptados durante o primeiro mes, tras cumprir o período legal de custodia, e arredor do 95 % atopa fogar no prazo dun ano.
Os animais que permanecen máis tempo nos centros adoitan ser cans de razas potencialmente perigosas, de tamaño grande ou con dificultades de manexo. Actualmente, só hai un can que leva máis de tres anos nun dos centros de acollida da Deputación, concretamente no da Rúa.
As asociacións colaboradoras, sinalan dende o organismo provincial, desempeñan un papel fundamental na mediación das adopcións. Entre elas atópanse a Asociación Agallas, vinculada ao centro de Xinzo de Limia, e a Asociación Arume, que opera no refuxio A Medela do Carballiño. Tamén colaboran a Asociación Peludines Sin Suerte na Rúa e un particular que xestiona as adopcións en Muíños.
Destaca o labor da protectora Arume, que xestionou 270 adopcións, incluíndo 8 camadas con 48 cachorros, 52 cachorros recollidos sen nai, máis de 20 animais enfermos, atropelados ou senís, aos que se proporcionou acollida ata a súa adopción. Pola súa banda, a Asociación Agallas xestionou 85 adopcións en Xinzo de Limia.