A reparación da fachada do Pazo Provincial custará máis de 100.000 euros

OurenseXa
O edificio sufriu importantes danos como consecuencia do lanzamento de pinturas, botes de fume e rotura de xanelas durante a concentración dos bombeiros comarcais de Galicia o 23 de outubro do pasado ano
danos_fachada_pazo_provincial_deputacion_de_ourense
26 Mar 2024

Os servizos xurídicos da Deputación de Ourense están a estudar fórmulas legais que permitan reclamar os máis de 100.000 euros que custará reparar a fachada do Pazo Provincial, que sufriu importantes danos como consecuencia do lanzamento de pinturas, botes de fume e rotura de xanelas durante a concentración dos bombeiros comarcais de Galicia o 23 de outubro do pasado ano.

Co análise das vías legais, o goberno provincial quere evitar que a Deputación teña que arranxar o histórico inmoble “a costa do diñeiro público”, toda vez que a compañía aseguradora derivou o expediente ao Consorcio de Compensación de Seguros que, á súa vez, rexeita facerse cargo dos gastos. Mantén o consorcio que os danos non foron ocasionados nun “tumulto popular ou motín”, senón que é froito dunha manifestación convocada polo Comité de Folga dos Bombeiros e coa preceptiva autorización das autoridades, polo que á Deputación só lle queda dirixirse  aos organizadores da concentración para esixirlles responsabilidades.

O proxecto de reparación da fachada do Pazo Provincial foi redactado polo servizo provincial de arquitectura, detallando os traballos a realizar para eliminar as manchas de pintura na pedra, nas paredes, portas e xanelas, labores que obrigarán á colocación dunha estrutura en toda a fachada da rúa Progreso.

Cabe destacar que o Pazo Provincial está catalogado por parte de Patrimonio como un edificio de protección estrutural”, é dicir, un inmoble que polo seu valor histórico ou artístico ou a súa calidade arquitectónica e construtiva singularízase na contorna na que se sitúa. Esta condición fixo necesario contratar a unha empresa especializada en restauración para determinar o método que se ten que empregar na eliminación da pintura na pedra.

O pasado 19 de febreiro fixéronse as probas preliminares para atopar o tratamento axeitado contra estas manchas e determinar que produto, entre os permitidos, ocasionaría menos dano á pedra.

0.076400995254517