Esgos convértese no epicentro da gastronomía galega co IV Campionato de Pinchos e Tapas

OurenseXa
Corenta cociñeiros de toda Galicia reúnense no Mosteiro de San Pedro de Rocas para amosar a riqueza culinaria da comunidade
esgos-campionato-pinchos-tapas
20 Oct 2025

A Ribeira Sacra acolle desde hoxe o IV Campionato Galego de Pinchos e Tapas, un evento que reúne a corenta cociñeiros de toda Galicia e que, ata mañá, mostrará a riqueza culinaria das catro provincias a través de creacións que combinan tradición, innovación e produto local.

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participou na inauguración do campionato, celebrada no Mosteiro de San Pedro de Rocas, e destacou que se trata dun “auténtico escaparate da calidade agroalimentaria de Ourense”. Ademais, subliñou que este evento permite proxectar a provincia como “un destino gastronómico e enolóxico de calidade, tanto polo talento dos cociñeiros participantes como pola elaboración das súas tapas e pinchos, que apostan por produtos de quilómetro 0”.

Previo ao campionato realizouse unha ruta de tapas e pinchos na que participaron once establecementos de Ourense e das localidades de Allariz, O Pereiro de Aguiar, Nogueira de Ramuín e Xunqueira de Espadanedo. “Volvemos cumprir o obxectivo de promocionar a hostalería na cidade e no Ourense rural, así como atraer novos clientes aos establecementos participantes”, destacou Fernández.

O presidente do Inorde agradeceu a implicación dos cociñeiros ourensáns e do resto de Galicia por ofrecer unha oferta gastronómica diversa e creativa, resaltando o valor das súas elaboracións.

Ao acto inaugural tamén asistiron o alcalde de Esgos, José Antonio Blanco; a xerente do Inorde, Emma González; e o presidente da Academia de Tapas e Pintxos, Mikel Martínez, así como representantes das empresas patrocinadoras.

Os gañadores do campionato daranse a coñecer mañá, martes 21 de outubro, e os premios desta edición suman máis de 3.000 euros en produtos. O primeiro clasificado recibirá 1.500 euros en produtos Hermi, o segundo 1.000 euros en produtos Ibercook Food Service e o terceiro 500 euros en produtos CienPorCiel, ademais doutros premios en distintas categorías gastronómicas.

⚙ Configurar cookies
0.076194047927856