A Sala Alterarte acolle ‘Nada. Ninguén’, unha exposición que honra a memoria e resistencia das mulleres na posguerra

A Sala Alterarte do campus de Ourense inaugurou esta semana a mostra ‘Nada. Ninguén’, unha exposición da artista Ofelia Cardo que poderá visitarse ata o 9 de xaneiro de 2026.
A mostra, comisariada por Paula Cabaleiro, aborda a memoria silenciada de tantas mulleres que, durante a posguerra, asumiron en soidade a responsabilidade de soster ás súas familias nun contexto marcado pola perda, a violencia e o silencio.
A proposta intégrase no ciclo expositivo ‘Mutacións Inestables’, coordinado polo artista Xavier Blanco, e ofrece un percorrido artístico no que Cardo combina simbolismo, memoria e reivindicación social.
Segundo explica a comisaria, a obra de Cardo mantén un marcado carácter político ao entender a memoria histórica como unha responsabilidade colectiva. A exposición establece pontes entre experiencias persoais e memoria social, destacando o valor das imaxes como parte dun relato que procura reparar e reconstruír.
‘Nada. Ninguén’ preséntase así como unha homenaxe ás nais, esposas e fillas que, malia a represión e as perdas sufridas, sustentaron a vida cotiá nun tempo de escuridade, convidando a reflexionar sobre a dor herdada, a fortaleza feminina e a importancia de facer visibles historias que durante décadas permaneceron ocultas.