A Sala Alterarte pechou o seu programa expositivo desde curso con cinco exposicións

Baixo a coordinación do artista e profesor da Facultade de Educación e Traballo Social, Javier Blanco Sierra, a sala consolidouse como un dos principais puntos de encontro coa arte na cidade.
Ao longo deste curso, Alterarte acolleu un total de cinco exposicións. Entre elas estiveron ‘A arte da guerra/A guerra da arte (56)’, do Equipo Foco, ‘Retratos da paisaxe’, de Enrique Ortiz; ‘A pel. Epílogo’, que reuniu as obras de Xabier Fernández, e Gabriela Rivera, ‘Pensamento construído’, do escultor Enrique Conde; e ‘Libre de culpa’, unha mostra colectiva dos membros de Locos con Certificado, comisariada pola psicóloga e historiadora da arte Marta García.
O coordinador da sala destacou a diversidade de linguaxes e formatos presentes nesta edición, que abarcaron pintura, gravado, fotografía e escultura. “Estamos conseguindo abrir esta sala á cidadanía de Ourense e cada vez vén máis xente a ela”, subliñaba Blanco durante a inauguración da última das exposicións, onde amosou a súa satisfacción polo traballo realizado durante este curso.