A San Martiño 2025 pecha as inscricións con máis de 10.300 participantes

OurenseXa
A cidade prepárase para a 48ª edición desta proba que terá ligar o vindeiro domingo cun percorrido totalmente renovado
carreira-san-martiño-ourense
3 Nov 2025

Ourense prepárase para vivir unha das súas citas deportivas máis emblemáticas coa 48ª Carreira Pedestre Popular do San Martiño, que se celebrará o domingo 9 de novembro cun trazado renovado de 10 quilómetros e saída ás 11.00 horas desde a Ponte do Milenio. A meta estará situada na Praza de Concepción Arenal, completando un circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo.

A edición deste ano pechou este domingo as inscricións con 10.384 participantes, 3.502 corredores na proba absoluta e 4.904 inscritos entre as modalidades sub-18, sub-16, sub-14, sub-12 e sub-10, mentres que a carreira inclusiva contará con 1.978 participantes.

Aínda que o prazo de inscrición xa está pechado, as persoas que o desexen poden colaborar coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (Afaor) mediante doazóns a través da pasarela de inscrición ou do Dorsal 0.

O novo percorrido, de carácter provisional debido ás obras na avenida de Portugal, será máis chan e rápido que en edicións anteriores, cunha recta final de preto de tres quilómetros. A carreira partirá da Ponte do Milenio e continuará polo barrio da Ponte, a rúa Xesús Pousa, a avenida de Marín, a Ponte Nova, a avenida Otero Pedrayo, o campus universitario, a rúa do Paseo, a Praza Maior, o Xardín do Posío, a rúa da Coruña, Nosa Señora da Saínza e a avenida de Zamora até a zona de Expourense. O regreso farase pola mesma avenida e a rúa do Progreso até a meta, situada na Praza de Concepción Arenal. A organización xa anunciou que deseñará un novo percorrido definitivo para a edición de 2026.

⚙ Configurar cookies
0.079579830169678