A segunda edición do Salón do Vehículo Clásico de Ourense pechou con máis de 7.000 visitantes
A segunda edición do Salón do Vehículo Clásico pechou as súas portas esta tarde en Expourense superou todas as expectativas tanto da organización como dos visitantes. Durante esta fin de semana achegáronse ao recinto feiral máis de 7.000 visitas, dobrando os datos de participación da primeira edición e conseguindo de este modo que se pense xa nunha terceira para 2025.
Con esta nova cita consolidada, Ourense xa ten a súa propia feira de clásicos e o seu punto de encontro na provincia para a gran cantidade de afeccionados ao automobilismo. De feito, gran cantidade dos expositores que ofrecían recambios e accesorios e que participan en eventos por toda España, destacaron o alto nivel de especialización e coñecemento do sector do público visitante, informan desde a organización.
Durante esta segunda xornada foron entregados tamén os premios do 1º Concurso de Elegancia do salón. O gañador na categoría de xurado profesional foi o Standard Ten de 1934 de José Manuel Filloy, e na categoría de público e votos por redes, o premio foi para o Datsun Fairlady 240Z de 1971 de Aitor Rodríguez con máis de 850 likes.
A activa participación dos seguidores da conta de Instagram desta cita levou a organizar o concurso “O meu clásico de portada” que regalaba aos gañadores o cartel promocional da feira coa imaxe do seu clásico. Os gañadores foron Aitor Rodríguez co seu Datsun Fairlady 240Z de 1971; Iván e Lucía Dabouza co seu Seat 600 E de 1972 e Aurelio Gálvez co seu Mercedes 240D Pradairo de 1976.
Tamén nesta última xornada entregáronse os premios do Rallye de Clásicos de Slot Cidade de Ourense no que participaron máis de 100 xogadores e do 1º Campionato de Simracing de Clásicos organizado pola empresa ourensá Xog-on que marcou os tempos de 270 xogadores. Foi unha emocionante final narrada polo youtuber Mario Adoitar e na que os finalistas correron cun Alpinche virtual, informan desde Expourense. O gañador foi o ourensán Martín Vázquez. En ambas as probas colaborou a Concellería de Xuventude do Concello de Ourense.
Organizado pola Fundación Expourense, esta segunda edición do Salón do Vehículo Clásico conta co apoio principal da Deputación de Ourense, á que se sumaron outras entidades que levan meses colaborando estreitamente coa organización para ofrecer un salón que obtivo tan bos resultados.