A Selección Española de Baloncesto aterriza no Paco Paz despois de 16 anos
Dezaseis anos despois, a Selección masculina de Baloncesto volve a Ourense, co apoio da Deputación, para disputar o seu terceiro partido de clasificación para o Eurobasket 2025, enfrontándose no Pazo dos Deportes Paco Paz a Eslovaquia, logo de vencer no partido de ida.
Trátase dun partido crucial no camiño da Selección cara o Eurobasket, pero tamén “un reencontro esperado” coa afección ourensá que seguramente será testemuña “dun novo éxito na vosa historia”, xa que si gañan contra Eslovaquia estarían clasificados para o Eurobasket, explica o presidente da Deputación.
O presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, destaca que é “un tremendo orgullo” que volva a Selección a Ourense converténdoa na “capital do baloncesto galego”. Así mesmo, dixo que este partido é “unha oportunidade de desfrute e de tremendo compromiso de aupar a nosa selección á clasificación do europeo, tan importante para a Federación, pero tamén para o baloncesto”.
Pola súa parte, a presidenta da Federación Española de Baloncesto, Elisa Aguilar afirmou que empezan “unha nova etapa” cun novo ciclo olímpico ata o 2028 para poder competir polo podio en Los Ángeles e que, precisamente, este 25 de novembro, a Selección xógase “moito a nivel deportivo e precisamos o empuxe e calor de todos os afeccionados”.
A Selección volve a Ourense logo de 16 anos, tras xogar aquí dous amigables no verán de 2008 para prepararse para os Xogos Olímpicos de Pekín. Despois de disputar un total de 5 partidos amigables, este será o primeiro partido oficial que xogue España en Ourense.
A Selección Masculina de Baloncesto consolidouse como un dos mellores equipos do mundo, proclamándose no ano 2006 campións do mundo en Xapón, un fito que marcou o comezo dunha época dourada para o baloncesto español. Nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008 lograron a medalla de prata e catro anos despois, en Londres, a medalla de bronce. E, en Europa, España coroouse como campioa do Eurobasket en varias ocasións coas vitorias en 2009, 2011, 2015 e 2022.