A Selección Masculina de Baloncesto regresa a Ourense despois de 16 anos

OurenseXa
O equipo nacional regresa a Ourense, onde xogou dous amigables no verán de 2008 como preparación para os Xogos Olímpicos de Pekín, sendo este o primeiro partido oficial que España xogará en Ourense
presentacion-eurobasket-ourense
Presentación do Eurobasket en Ourense
18 Oct 2024

Dezaseis anos despois, a Selección masculina de Baloncesto volve a Ourense, co apoio da Deputación, para disputar o seu terceiro partido de clasificación para o Eurobasket 2025, enfrontándose no Pazo dos Deportes Paco Paz a Eslovaquia. O presidente provincial, Luis Menor, a presidenta da Federación Española de Baloncesto, Elisa Aguilar, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, presentaron os detalles deste partido, que se disputará o vindeiro 25 de novembro.

Na súa intervención, Luis Menor afirmou que era un “orgullo” recibir á selección en Ourense onde “o deporte se vive con tanta paixón” e que a provincia volverá a demostrar que é “o lugar idóneo para acoller eventos deportivos de primeiro nivel como este”.

Neste sentido, o presidente provincial lembrou que se trata dun partido “crucial” no camiño da Selección cara o Eurobasket, pero tamén “un reencontro esperado” coa afección ourensá que seguramente será testemuña “dun novo éxito na vosa historia”, xa que si gañan contra Eslovaquia estarían clasificados para o Eurobaset. Animou a que todos os ourensáns a acompañar a nosa selección cara esa nova vitoria.  

O presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez tamén coincidiu en que é “un tremendo orgullo” que volva a Selección a Ourense converténdoa na “capital do baloncesto galego”. Así mesmo, dixo que este partido é “unha oportunidade de desfrute e de tremendo compromiso de aupar a nosa selección á clasificación do europeo, tan importante para a Federación, pero tamén para o baloncesto”. 

Pola súa parte, a presidenta da Federación Española de Baloncesto, Elisa Aguilar afirmou que empezan “unha nova etapa” cun novo ciclo olímpico ata o 2028 para poder competir polo podio en Los Ángeles e que, precisamente, o vindeiro 25 de novembro, a Selección xógase “moito a nivel deportivo e precisamos o empuxe e calor de todos os afeccionados”. 

Ata o momento xa se venderon o 50% das entradas para este partido que como dixo Elisa Aguilar será “todo un éxito deportivo porque selaremos a clasificación aquí e tamén será un éxito organizativo”. 

O equipo dirixido por Sergio Scariolo disputará o vindeiro 25 de novembro, no Pazo dos Deportes “Paco Paz” este partido despois de xogar en Bratislava o día 22. Ambos encontros serán decisivos para conseguir a clasificación matemática e asegurarse a defensa do título de campións de Europa. 

A Selección volve a Ourense logo de 16 anos, tras xogar aquí dous amigables no verán de 2008 para prepararse para os Xogos Olímpicos de Pekín. Despois de disputar un total de 5 partidos amigables, este será o primeiro partido oficial que xogue España en Ourense.

A Selección Masculina, actual campioa de Europa, está encadrada no Grupo C, xunto a Bélxica, Eslovaquia e Letonia. Ademais de Letonia, xa clasificada como anfitrioa, clasificaranse para o Eurobasket as dúas primeiras seleccións do grupo.

As entradas para o partido xa se poden adquirir en www.feb.es/entradas.aspx.

Unha traxectoria de éxito

A Selección Masculina de Baloncesto consolidouse como un dos mellores equipos do mundo, proclamándose no ano 2006 campións do mundo en Xapón, un fito que marcou o comezo dunha época dourada para o baloncesto español. Nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008 lograron a medalla de prata e catro anos despois, en Londres, a medalla de bronce. E, en Europa, España coroouse como campioa do Eurobasket en varias ocasións coas vitorias en 2009, 2011, 2015 e 2022.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.10547184944153