A senda do río Gorgua, en Padrenda, protagoniza a penúltima ruta cultural da UVigo deste curso

A programación de rutas culturais da Universidade de Vigo entra na súa fase final neste segundo cuadrimestre co desenvolvemento da penúltima saída prevista para este curso académico, que terá lugar o sábado 11 de abril e propón un percorrido pola senda do río Gorgua, no concello de Padrenda.
A iniciativa, impulsada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, permitirá ás persoas participantes descubrir a contorna natural deste afluente do río Deva, situado nas proximidades da súa desembocadura no Miño. Trátase dun espazo que destaca pola súa riqueza paisaxística, con presenza de bosques autóctonos, fragas e elementos tradicionais como muíños.
A participación está aberta tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral e a inscrición realízase a través do Campus Activo da Universidade de Vigo.
A programación, financiada pola Deputación de Ourense, comezou a finais de febreiro e inclúe varias rutas ao longo do cuadrimestre, con destinos como as fragas do río Calvo, Lobios e San Mamede, e rematará o 25 de abril cunha última saída prevista en Porto do Son.