A sétima edición de Ourencanto regresa do 4 ao 6 de abril

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, destacou durante a presentación da sétima edición de Ourencanto as vertentes de “formación e espectáculo artístico” que ofrecerá este encontro de coros infantís, xuvenís e escolares, no que durante tres días nenos e mozos conviven e participan nunhas xornadas de canto coral. “A cooperación institucional é clave para proxectos coma este, cuxo éxito xa é exportable a outros territorios”, sinalou César Fernández.
Por outra banda, os organizadores deste certame, Cristina Rodríguez e Carlos Núñez, puxeron en valor os “valores de transmisión da cultura” cara os máis novos, un dos obxectivos do encontro de coros.
Ademais, fixeron referencia á “consolidación do éxito” deste evento, xa que este ano, por primeira vez, tiveron que facer probas de selección e deixar a candidatos fóra. Tamén participaron no acto o xefe territorial da Consellería de Cultura, Jorge Rubén Sampedro e a concelleira da cidade Noa Rouco.
Ourencanto celebrará a súa sétima edición do 4 ao 6 de abril de 2025, cun programa repleto de música que rematará co concerto de clausura previsto para o domingo 6 de abril, ás 19.00 horas, no Auditorio Municipal de Ourense.
“Ourencanto non só fomenta o canto coral, senón que promove valores como o compañeirismo, a solidariedade e a unión”, din os organizadores. Os fondos recadados coas entradas irán destinados a Cáritas.