A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría pon o foco en Ourense para un estudo de lonxevidade
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome recibiu este xoves no Concello ao presidente e á secretaria da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, José María Faílde e María Dapía, e avanzoulles a vontade do Concello de colaborar en dous proxectos que está a desenvolver esta entidade. Por unha banda, o estudo sobre lonxevidade, que están a realizar actualmente, no que a poboación de Ourense ten un peso moi importante e, por outro, na organización do congreso anual da sociedade, que se desenvolverá en 2025 en Ourense, cuxo eixo central será o avellentamento, a saúde e a calidade de vida.
O presidente da sociedade, José María Faílde, valorou moi positivamente o apoio do Concello nestes dous proxectos. O estudo sobre a lonxevidade, explicou, “é un proxecto importante tendo en conta a alta esperanza de vida que hai neste concello e nesta provincia, e tamén a alta prevalencia que hai de persoas centenarias. Estamos moi satisfeitos porque o Concello de Ourense nos amosou a súa colaboración neste estudo, que non só é importante para a Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía, senón tamén para esta cidade, para esta provincia e para Galicia. Coido que é moi importante o que nos teñen que achegar as persoas centenarias porque son portadoras dun patrimonio de saúde que necesariamente debe estudarse e preservarse porque nos axudará a promocionar a saúde no futuro”.
Por outra banda, explicou tamén que o Concello colaborará co congreso anual da sociedade, un evento de ámbito internacional que reunirá o vindeiro ano en Ourense 300 expertos e expertas de diferentes países.