A Subdelegación do Goberno de Ourense convértese nun Punto Violeta

OurenseXa
Funcionarios da Subdelegación do Goberno en Ourense recibiron formación específica para saber como actuar ante casos de violencia contra as mulleres e prestar a atención precisa ás vítimas
subdlegacion-goberno-ourense-punto-violeta
Presentación da Subdelegación do Goberno de Ourense como Punto Violeta
13 Dec 2024

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e a xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero, Alida Iglesias, participaron este xoves na presentación da Subdelegación ourensá como Punto Violeta, un espazo seguro para a atención de vítimas de violencia de xénero.
Os Puntos Violeta son un instrumento promovido polo Ministerio de Igualdade para implicar ao conxunto da sociedade na loita contra a violencia machista e estender, de forma masiva, o compromiso social e a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres.

Para prestar a atención axeitada e saber como actuar nestes casos, funcionarios da Oficina de Rexistro, Estranxeiría e a Dependencia de Traballo e Inmigración da Subdelegación do Goberno en Ourense recibiron formación específica, que inclúe pautas de actuación ante as distintas casuísticas de violencias de xénero, así como dos recursos a disposición das vítimas, e material que será de gran utilidade para as mesmas.

Para identificar as tres oficinas da Subdelegación como Punto Violeta, todas elas contan na súa porta cun adhesivo redondo desta cor, coa finalidade de que as usuarias poidan identificar de xeito sinxelo que se atopan ante un espazo seguro no que poden pedir a axuda que precisan. “Son puntos refuxio, de acollida e de denuncia”, explicou o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, quen destacou que “non nos cansaremos de tomar medidas para previr as situacións de violencia machista. Cada iniciativa é benvida para poñer fin a esta lacra, sendo a educación e a prevención fundamentais”, dixo.

E é que precisamente a presentación deste Punto Violeta tivo lugar xusto antes de que a Subdelegación do Goberno en Ourense acollese ás súas portas un minuto de silencio en sinal de condena polo último asasinato machista dunha muller en Mallorca. “O goteo de denuncias de situacións de violencia física e psicolóxica contra as mulleres é diario”, lamentou. Por iso, “o punto violeta que se acaba de situar na Subdelegación é un inicio de campaña para contar con máis noutras institucións e entidades privadas, ademais dos puntos temporais que se instalan coincidindo con eventos festivos masivos”, adiantou Santos.

44 mulleres foron asasinadas en España por violencia de xénero neste 2024 e 1.289 desde 2003.

⚙ Configurar cookies
0.093683958053589