A Subdelegación do Goberno destaca o incremento das afiliacións á seguridade social na provincia de Ourense no último semestre de 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu esta mañá a Comisión de Asistencia ao Subdelegado, na que se analizaron as principais actuacións dos distintos organismos da Administración Xeral do Estado (AGE) relacionados coa economía, estatística e emprego durante o segundo semestre de 2025.
Esta comisión, composta polos responsables provinciais dos diferentes servizos dos ministerios, reúnese habitualmente dúas veces ao ano. No encontro estiveron presentes representantes do Instituto Nacional de Estatística (INE), a Delegación de Economía e Facenda, o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), a Tesourería Xeral da Seguridade Social (TGSS), a Inspección de Traballo, MUFACE e a Inspección de Telecomunicacións.
Durante a xuntanza, na que tamén participou o secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias, Eladio Santos destacou “o esforzo diario dos empregados e empregadas dos distintos organismos da AGE para conseguir unha administración máis próxima á cidadanía, eficiente, responsable e transparente”.
Entre os datos salientados, desde a Dirección Provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social indicouse que o número de afiliados situouse en 108.714 en outubro, o que representa 769 máis que no mes de maio. Pola súa banda, o INSS destacou o incremento da pensión media, que en novembro alcanzou os 978,28 euros, fronte aos 933,61 euros do mesmo mes do ano anterior. No caso das mulleres, a pensión media foi de 829,58 euros, aumentando en 43,1 euros respecto a novembro de 2024, mentres que na dos homes situouse en 1.158,52 euros fronte a 1.113,10 euros.
Dende a Inspección de Traballo informouse da conclusión de 1.652 expedientes durante o segundo semestre, xunto coa realización de 781 visitas a centros de traballo. Ademais, concluíronse 316 expedientes relacionados con verificacións sobre retrasos e falta de pagamento de salarios, así como infraccións na normativa de tempo de traballo.
En canto aos datos do SEPE, o paro rexistrado na provincia en novembro de 2025 diminuíu un 9 % respecto ao mesmo mes do ano anterior, pasando de 14.941 a 13.611 desempregados.
A Comisión de Asistencia ao Subdelegado, regulada pola Lei do Réxime Xurídico do Sector Público, é o órgano encargado de coordinar as accións dos servizos territoriais da provincia para garantir o cumprimento dos obxectivos establecidos polo Goberno. Está presidida polo subdelegado e integrada polo secretario xeral e os responsables dos órganos e servizos territoriais, tanto integrados como non integrados.