A Subdelegación do Goberno en Ourense ofrece asesoramento ao colectivo venezolano en materia de estranxeiría

OurenseXa
Eladio Santos e os membros da Asociación Alma Llanera mantiveron un encontro para avanzar na situación da poboación venezolana na provincia
Eladio Santos, Lorenzo González e José Félix González
Eladio Santos, Lorenzo González e José Félix González
18 Feb 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reuniuse este luns con Lorenzo González e José Félix González, representantes da Asociación Ourensá-Venezolana Alma Llanera, co fin de coñecer de primeira man a situación da poboación venezolana na provincia, moi presente en zonas como Celanova, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e a capital.
O subdelegado estivo acompañado en parte da xuntanza pola xefa de sección da Oficina de Estranxeiría da Subdelegación, Concepción Otero. Ambos puxéronse a disposición deste colectivo para informalos sobre todos os procedementos, trámites e xestións que leva a cabo esta oficina cara a regularizar a estancia das persoas venezolanas na provincia.

Pola súa banda, dende a asociación trasladáronlles algunhas das súas necesidades, especialmente relacionadas coa lentitude na tramitación de solicitudes de asilo. Neste senso, Eladio Santos aclarou que se trata de “trámites complexos, debido a que hai que facer unha serie de verificacións, como entrevistas persoais, o que os converte en máis lentos que unha regularización ordinaria. En todo caso, o actual Goberno de España está totalmente implicado con estas peticións, xa que dende 2019 levou adiante 125.000 ordes de protección internacional de asilo de venezolanos, fronte a goberno anteriores do Partido Popular que só regularizaron 26”, apuntou. Ademais, Santos lembrou que o 80% das solicitudes de asilo da provincia de Ourense corresponden a poboación venezolana.

Así mesmo, o subdelegado ofreceu asesoramento a este colectivo de cara á interpretación e coñecemento do novo Regulamento de Estranxeiría que entrará en vigor en maio, adiantando que a Subdelegación do Goberno en Ourense prepara un plan de información comarcal sobre esta nova normativa, que se irá desenvolvendo a partir do mes de marzo.

0.15864896774292