A Subdelegación do Goberno en Ourense presenta unha campaña especial de tráfico para este Nadal

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presentou este luns a tradicional campaña de vixilancia e control de alcohol e drogas que se desenvolverá desde hoxe ata o 21 de decembro na provincia, co obxectivo de reforzar a seguridade vial durante as festas de Nadal. A presentación tivo lugar na estrada OU-101 e contou coa presenza do xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Ourense, Javier Barja, e do xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico, David Llorente.
Durante o acto, Santos destacou que o consumo de alcohol é unha das causas principais nos accidentes de tráfico, estando presente no 36 % dos sinistros mortais rexistrados na provincia este ano. Por iso, lembrou a incompatibilidade entre conducir e consumir alcohol ou drogas, especialmente nestas datas tan sinaladas.
A campaña, que se realizará en vías interurbanas e urbanas, contará coa participación de cinco policías locais da provincia, incluíndo as de Ourense, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia, Maceda e A Pobra de Trives. O subdelegado subliñou a importancia deste tipo de controis para manter a seguridade nas estradas e evitar accidentes.