A terceira edición do Salón do Vehículo Clásico consolídase como unha cita imprescindible no mundo do motor

OurenseXa
Conta coa participación de 57 expositores e un gran número de actividades
salon-del-vehiculo-clasico
6 Apr 2025

Milleiros de visitantes achegáronse a Expourense para gozar dunha viaxe nostálxica a través dos 57 expositores desta edición no Salón do Vehículo Clásico, mediante centos de coches expostos que abranguen desde os anos 30 ata 1995. A terceira edición desta cita, que remata este domingo, volveu sorprender ao público, incrementando non só o número de expositores e vehículos, senón tamén a calidade e singularidade dos mesmos.

A Policía Nacional repite unha edición máis coa súa exposición de vehículos clásicos, á que nesta ocasión se sumaron as da Garda Civil (coa mítica "Cuatro Latas", o Land Rover e un 2CV), así como as do Ministerio de Defensa do Goberno de España, que achegou pezas como un Jeep Willys procedente do seu museo en Torrejón de Ardoz.

No que respecta a coches singulares, destaca a réplica do restaurador Juan Lumbreras do Jaguar D-Type gañador de Le Mans en 1956 (e anos posteriores), ou o Porsche 901 exposto en Clásicos Ourense, un dos únicos 82 fabricados no mundo no ano 1964, e un dos poucos que se conservan na actualidade. Como é habitual, as miradas do público céntranse tamén no mítico Alpinche de Reverter ou no Porsche Aurora de Nacho Casla.

Este salón consolidouse como un gran punto de encontro para os afeccionados aos vehículos clásicos de toda Galicia, así como do norte de Portugal e doutras comunidades como Asturias, Castela e León ou Madrid. Desde a xornada do venres, foron moitos os visitantes que partiron cos seus vehículos clásicos desde lugares como Puebla de Sanabria ou Oviedo e compartiron a súa viaxe a través das redes sociais. O aparcadoiro de clásicos particulares volveu ser un dos puntos fortes desta edición, superando xa este sábado os 200 vehículos estacionados, cifra que se espera repetir ou mesmo superar mañá domingo.

Tamén é salientable a presenza dunha vintena de clubs de afeccionados a marcas ou modelos concretos a nivel estatal (Club Lancia España, Alfa Romeo, American Cars, Seat 124 ou Mercedes W123), que compartirán espazo con clubs galegos e portugueses unidos por unha marca ou orixe territorial (Escudería Ourense, Barreiristas de Galicia, Club Nipón ou as escuderías de Clásicos do Condado-Paradanta, Ribeira Sacra, Arenteiro, Taboadela, O Irixo, Melgaço, Petín, entre outras).

⚙ Configurar cookies
0.1382749080658