A terceira edición do Salón do Vehículo Clásico de Expourense pechou con 8.000 visitas

OurenseXa
Durante os dous días, o salón recibiu máis de 500 vehículos clásicos particulares, que se sumaron aos 57 expositores presentes nesta edición
salon-del-vehiculo-clasico
7 Apr 2025

O Salón do Vehículo Clásico volve superar as súas cifras e nesta terceira edición aumenta o número de visitas, arredor de 8.000, o que o posiciona xa como unha cita anual ineludible para os afeccionados aos vehículos de época e de competición. Os visitantes que se achegaron esta fin de semana ao recinto… En total, nesta edición, participaron 57 expositores. Os propietarios de clásicos volcáronse ademais con esta cita acudindo a ela a bordo dos seus vehículos, e durante os dous días o salón acolleu máis de 500 coches clásicos particulares. A cuarta edición celebrarase en abril de 2026.

Durante esta segunda xornada entregáronse tamén os premios do 2º Concurso de Elegancia do salón. O xurado profesional estableceu dúas categorías cronolóxicas e premiou un clásico anterior a 1970 e outro posterior. O MGA 1600 de 1960 de Pablo Quintas e o Mercedes R 107 Cabrio de 1984 de José Manuel Filloy foron os gañadores. Na categoría de votacións do público a través das redes sociais do salón, o gañador foi o Ford Escort Cosworth de 1992 de David García, que acadou 418 votos entre os seguidores da conta do Salón en Instagram.

Tamén se entregaron o domingo os premios da segunda edición do Concurso “O meu clásico de portada”, que regalaba aos gañadores o cartel promocional da feira de 2026 coa imaxe do seu vehículo clásico. Os premiados foron Xoan Brandán Castedo de Lugo co seu Ford Maverick GL de 1993; Pachi García de Maside (Ourense) co seu BMW E21 318i de 1994 e Isaac Leis de Santiago de Compostela co seu Renault Clio Williams Fase 2 de 1994.

Continuando coas premiacións das distintas competicións que acolleu esta terceira edición, nesta última xornada tamén se entregaron os premios do Rallye de Clásicos de Slot Cidade de Ourense nas categorías junior e infantil. Xacobe Fernández Vaamonde (junior) e Noé Rodríguez Martínez (infantil) foron os gañadores.

E un dos momentos de maior emoción da xornada do domingo foi a gran final do 2º Campionato de Simracing de Clásicos organizado pola empresa ourensá Xog-on co apoio do Concello de Ourense e que contou con 187 inscritos. Foi unha final emocionante narrada polo youtuber Mario Soler e disputada no circuíto virtual de Suzuka (Xapón) con Mazda RX-7. O gañador foi Mario Dans de Arteixo (A Coruña).

Esta cita foi tamén o espazo elixido por unha vintena de escudarías e clubs para promocionar as súas próximas concentracións, rallyes e quedadas. Un deles, o Club de Clásicos de O Irixo, vendeu rifas a 1 euro para participar no sorteo dun Ford Fiesta MK2 de 1988 e dunha Vespa.

Ademais, tamén se celebrou a segunda Ruta de Clásicos do salón na que participaron medio cento de coches e motos clásicas que fixeron un percorrido desde Expourense ata a sede da Fundación Estanislao Reverter, situada na Estación de Santa Cruz de Arrabaldo do Inorde. Esta actividade contou coa colaboración da Escudaría de Clásicos Ourense. Tamén foi a xornada elixida polo Club de Alfistas (Alfa Romeo) de Galicia para organizar unha quedada de socios en Ourense.

A próxima cita feiral de Expourense está tamén relacionada co sector do automóbil. O último fin de semana de abril, do 25 ao 27, o recinto acollerá o VII Car Outlet Ourense, que organiza conxuntamente coa Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, ACAUTO.

⚙ Configurar cookies
0.17927479743958