A tractorada de gandeiros bloquea o centro de Ourense de forma indefinida

OurenseXa
Esixen a paralización do acordo entre a Unión Europea e Mercosur e unha Política Agrícola Común (PAC) máis xusta
tractorada-ourense
30 Dec 2025

Este luns, decenas de tractores baixaron desde o polígono de San Cibrao ata o centro de Ourense, onde permanecen este martes fronte á Subdelegación do Goberno, nunha protesta que se manterá de forma indefinida para esixir a paralización do acordo entre a Unión Europea e Mercosur e reclamar unha Política Agrícola Común (PAC) máis xusta.

Gandeiros procedentes de distintas zonas de Galicia anunciaran que manterán os vehículos estacionados durante varios días ata recibir respostas satisfactorias por parte do Subdelegado, Eladio Santos, a quen reclaman unha audiencia para que explique os detalles do acordo con Mercosur. Porén, aínda non se lles deu data nin hora para esta reunión.

A tractorada comezou xa este luns ás 11:00 horas no polígono de San Cibrao das Viñas e chegou ao centro sobre as 16:00 horas, provocando cortes en vías principais como Xoán XXIII e Concello. Os gandeiros proceden de diferentes comarcas da provincia, como A Limia, Manzaneda, Viana do Bolo ou Maceda, e tamén da provincia de Lugo. Durante este martes, os tractores permanecerán instalados nos arredores do Parque de San Lázaro e as protestas continuarán ata novo aviso.

⚙ Configurar cookies
0.080412864685059