A tractorada resiste en Ourense e continúa cortando a N-120

A tractorada de agricultores e gandeiros resiste en Ourense e continúa cortando a N-120 por cuarto día consecutivo para protestar contra o acordo UE-Mercosur.
Tras as protestas deste fin de semana, os tractores instalaronse nesta vía, unha das principais arterias da cidade, onde permanecen este martes, á altura do centro comercial. Trátase dunha das estradas con maior volume de tráfico da cidade, onde se rexistraron grandes retencións, especialmente na xornada deste luns.
Ademais, varios tractores permanecen tamén fronte á Subdelegación do Goberno, cortando un dos carrís, así como noutros puntos da cidade, como a entrada da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ourense ou a Consellería de Medio Rural, na rúa Florentino Cuevillas, aínda que, en ambos os puntos, o tráfico nos arredores circula con normalidade.
A mobilización continuará de forma indefinida, aínda que non se descarta moverse a outro lugar, ata que se aclaren as consecuencias do acordo con Mercosur para o futuro do sector agropecuario galego. Precisamente, este martes está previsto que representantes do sector se reúnan na Delegación da Xunta con representantes da Consellería de Medio Ambiente para avanzar en posibles solucións.