A UD Ourense denuncia o estado das instalacións do Estadio do Couto

A Unión Deportiva Ourense mantivo a pasada semana unha reunión con responsables da Xunta de Galicia vinculados á xestión do estadio do Couto para analizar a situación actual das instalacións. Durante o encontro, o club expresou a súa inquietude polo estado do céspede, polas posibles consecuencias que pode ter para a seguridade dos xogadores, así como por outras deficiencias detectadas no recinto. Ademais, reclamouse un trato equitativo en relación con outros clubs usuarios do estadio.
Pola súa banda, a Xunta comprometeuse a iniciar de maneira inmediata actuacións de mellora no terreo de xogo, coa colocación de novos tepes de céspede e unha posterior resembra prevista para os meses de verán. Desde o Goberno autonómico tamén se garantiu ao club que o campo estará en condicións de acoller o encontro do vindeiro 8 de febreiro fronte ao Coruxo FC.
Con todo, o partido que a UD Ourense debía disputar como local o 1 de febreiro ante o Burgos CF B non poderá celebrarse no Couto. O encontro trasladarase ao Estadio José Arjiz, en Verín, grazas á colaboración do Verín CF, unha entidade coa que o club ourensán mantén unha relación fluída desde hai tempo e cuxas instalacións presentan condicións similares ás habituais.
Desde a UD Ourense agradécese a disposición mostrada polas partes implicadas para avanzar na mellora dun estadio emblemático da cidade, tras unha etapa na que consideran que o club non recibiu un trato axeitado.