A USC desenvolverá un estudo para medir a presenza de gas Radon nos concellos ourensáns

A Deputación de Ourense vén de adxudicar ao Laboratorio de Radon de Galicia (LRG), pertencente á Universidade de Santiago de Compostela, a asistencia técnica do programa provincial para medir a presenza deste gas nos concellos con menos de 20.000 habitantes. O LRG, acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), conta cunha ampla traxectoria e recoñecemento tanto a nivel estatal como internacional.
O plan, aprobado por unanimidade no pleno de xaneiro, busca apoiar aos municipios na avaliación dos niveis de radon e avanzar na protección da poboación fronte aos riscos asociados á súa exposición. A Deputación asumirá o custo íntegro das primeiras medicións, que se realizarán nos postos de traballo situados en plantas baixas e sotos das dependencias municipais.
O contrato, por un importe de 14.976 euros, contempla que o LRG contacte cos concellos participantes para enviar os equipos de medición e as instrucións necesarias. Estes dispositivos permanecerán colocados durante tres meses e, unha vez finalizado o período, serán devoltos ao laboratorio para a análise dos datos. Os resultados serán remitidos a cada concello, que poderá aplicar as recomendacións pertinentes en caso de detectarse niveis elevados do gas.
As primeiras actuacións comezarán en vinte municipios, entre os que se encontran Arnoia, Beade, Melón, Calvos de Randín, A Rúa, Allariz, Xunqueira de Espadanedo, Celanova, Cartelle, Bande, Sandiás, Maceda, Xunqueira de Ambía, Taboadela, Castro Caldelas, O Bolo, Petín, Piñor, Toén e Cortegada. O resto dos concellos interesados incorporaranse ao programa no prazo máximo dun mes.
Ourense é a provincia galega cunha maior concentración natural de radon debido á composición granítica do seu terreo. O gas, de orixe radioactiva, incoloro e inodoro, pode acumularse en espazos pechados e, segundo os organismos sanitarios, a súa inhalación prolongada aumenta o risco de padecer cancro de pulmón. Con este programa, a Deputación pretende contribuír á prevención e á mellora da saúde pública en todo o territorio provincial.