A UVigo, AFAOR e a Fundación Dorzán impulsan a formación na atención de persoas con Alzheimer en Ourense

O campus de Ourense acolleu o pasado venres o acto de clausura e entrega de diplomas do XIV Curso de Intervención Socioeducativa con Persoas Afectadas pola Enfermidade de Alzheimer, unha iniciativa formativa consolidada que se desenvolve cada curso académico na Facultade de Educación e Traballo Social.
O programa é froito da colaboración entre a Asociación de Alzheimer de Ourense (AFAOR), a Fundación Dorzán e a Universidade de Vigo, e está orientado á capacitación do alumnado universitario no ámbito do coidado e da intervención con persoas afectadas por esta enfermidade e outras demencias similares.
Nesta edición participaron unha vintena de estudantes de distintos cursos, que ao longo do programa recibiron formación especializada sobre aspectos médicos, sociais, legais e éticos relacionados co Alzheimer. Entre os contidos abordados incluíronse os tratamentos farmacolóxicos, os recursos institucionais dispoñibles, o papel das familias, o marco legal e cuestións vinculadas á bioética.
A formación contou cun total de 40 horas lectivas impartidas por especialistas en cada materia, ás que se sumaron 20 horas de prácticas titorizadas desenvolvidas en colaboración con AFAOR.