A UVigo concede un dos seus Distintivos de Empregabilidade á Facultade de Dereito do Campus de Ourense
O pasado ano a Universidade de Vigo puxo en marcha un Distintivo de Empregabilidade destinado a recoñecer e incentivar a promoción de accións realizadas neste eido nos seus diferentes centros docentes. A Facultade de Dereito (do campus de Ourense) e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (ambas do campus de Vigo) son as primeiras en acadar agora este recoñecemento. No acto de entrega do primeiro destes distintivos, celebrado este martes en Ourense, Manuel Reigosa subliñou que “a preocupación pola empregabilidade dos nos egresados e egresadas está no noso ADN, desde o principio e en todos os nosos centros” e que con este novo galardón quere darse un paso máis no seu impulso.
Recoñecemento a un ampla traxectoria
Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da UVigo, explicou que con este distintivo a institución académica quere recoñecer publicamente as facultades e escolas que “destaquen na promoción activa e permanente da mellora da empregabilidade do seu alumnado”. Seguindo o modelo de iniciativas anteriores como o Distintivo de Igualdade, consiste nunha insignia para expoñela publicamente no centro, ten unha vixencia de tres anos (2023-2026) e vai acompañado dunha contía económica de 2000 euros que os centros poden empregar para desenvolver máis actividades ou iniciativas neste eido. Na súa primeira convocatoria, a comisión de avaliación puntuou dos centros presentados aspectos, en relación coa empregabilidade, como a implicación académica; a organización de accións propias; a participación do alumnado e a implicación tanto na organización das feiras de emprego da UVigo como en actividades promovidas pola súa Área de Emprego e Emprendemento.
Os tres centros distinguidos nesta primeira edición teñen unha ampla traxectoria na organización de actividades vinculadas á orientación profesional do seu alumando e na intermediación universitaria no emprego, contando todos eles cunha dilatada experiencia na organización de feiras de emprego. No caso da Facultade de Dereito, desde a organización do distintivo destacan, ademais da súa feira Orienta Iuris, a súa colaboración coa Área de Emprego e Emprendemento no deseño, impartición e organización de actividades, en particular aquelas vinculadas a orientación do alumnado e a mellora das súas competencias. Polo que respecta á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais poñen en valor o alto número de alumnado que está rexistrado na plataforma de busca de ofertas de emprego e que participa nos obradoiros/charlas organizadas desde esta área. Por último, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación subliñan o número e accións propias que organizan e a implicación do plan de organización docente en accións que favorecen a conexión coas entidades externas.
Ilusión e responsabilidade
Este martes celebrouse a entrega do distintivo á Facultade de Dereito de Ourense, por ser o que acadou unha maior puntuación na convocatoria, nun acto que contou coa asistencia de membros da comunidade universitaria e representantes de entidades públicas e privadas coas que o centro colabora, estando, entre outros Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial, e Elena Rivo, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta. Esta última subliñou na súa intervención que a universidade constitúe “unha porta de acceso ao emprego” e que este novo distintivo supón unha oportunidade para visibilizar aínda máis o seu traballo neste eido, apostando por avanzar cara un mellor acceso ao emprego e ao emprego de calidade.
No acto de entrega o reitor da UVigo amosou o seu agradecemento e satisfacción pola posta en marcha deste distintivo e deu os parabéns ao primeiro centro en recibilo, subliñando que a Facultade de Dereito estao “facendo moi ben” en empregabilidade. O responsable académico recalcou o compromiso da Universidade coa empregabilidade dos seus egresados e egresadas e sinalou que esta é froito do talento e o esforzo dos diferentes colectivos da comunidade universitaria, tanto alumnado, como persoal docente e investigador como persoal de administración e servizos. Manuel Reigosa indicou no seu discurso que "estamos probablemente ante as xeracións mellor formadas", apostou pola retención de talento e a colaboración público-privada e amosou o desexo da institución académica de “contribuír a unha sociedade cada vez mellor” a través da formación e o emprego de calidade de titulados e tituladas.
Pola súa banda, Susana Álvarez, decana da Facultade de Dereito, recibiu o galardón en nome do centro destacando a “ilusión e responsabilidade” que conleva. A responsable académica salientou que este recoñecemento é froito do “esforzo conxunto de todos os colectivos da facultade” ao longo dos anos desde a súa creación. Igualmente quixo trasladar o seu agradecemento ao tecido empresarial, “pola súa implicación”, e ás administracións e colexios profesionais, “polo súa disposición sempre a colaborar”. Amosando o “orgullo” da facultade polos seus egresados e egresadas, Susana Álvarez puxo en valor os seus datos de empregabilidade e o feito de que o seu traballo “ten un impacto directo na vida das persoas”. No acto tamén interviron egresadas e egresados do centro para explicar a súa experiencia de inserción laboral e o impacto positivo que tivo para elas e eles ter participado en iniciativas como as feiras de emprego universitarias.
Nun acto similar, o xoves día 8 de febreiro, ás 17.00 h, no espazo Incuvi no campus de Vigo, recollerán igualmente os seus Distintivos de Empregabilidade a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.