A UVigo desenvolve en Ourense un proxecto para impulsar a accesibilidade cognitiva nos balnearios da provincia

OurenseXa
O proxecto céntrase en identificar e propoñer melloras para ampliar o acceso das persoas con discapacidade cognitiva aos establecementos termais do Programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense
Programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense
18 Oct 2025

Un equipo do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (Gets-it) da Universidade de Vigo está a desenvolver o proxecto Ourense TermalAcces, orientado a promover a accesibilidade cognitiva en balnearios ourensáns. Segundo os seus responsables, “este proxecto busca promover a participación real de persoas con discapacidade cognitiva no termalismo, aliñándose con marcos internacionais de dereitos”. A iniciativa conta co apoio das Axudas a grupos de investigación do campus de Ourense (Inou 2025), financiadas pola Deputación de Ourense ao abeiro dun convenio anual co centro académico.

Na recta final do proxecto, a Facultade de Educación e Traballo Social acolleu unha xornada na que María Dolores Portela, de Fademga-Plena Inclusión Galicia, abordou a diagnose da accesibilidade cognitiva nos balnearios da provincia. Na apertura, a decana Isabel Mociño deu os “parabéns a todo este equipo por este proxecto que vai directamente a unha das liñas prioritarias que temos no centro, que é ser un centro de referencia en atención á diversidade”. Iria Vázquez e Rubén González presentaron os obxectivos e a metodoloxía do estudo.

O proxecto céntrase en identificar e propoñer melloras para ampliar o acceso das persoas con discapacidade cognitiva aos establecementos termais do Programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense, tradicionalmente orientado a persoas maiores. “Fai necesaria a inclusión de persoas con discapacidades cognitivas”, subliñan os promotores, que consideran que a accesibilidade cognitiva é “un dereito clave e aínda desatendido, a pesar da súa incidencia directa na participación social”. O traballo adopta unha perspectiva interseccional, tendo en conta variables como discapacidade, idade, xénero e territorio, e analiza “as barreiras invisibilizadas que enfrontan as persoas con discapacidade intelectual ou psicosocial en balnearios, desde o enfoque do deseño universal”.

A metodoloxía empregada combina entrevistas semiestruturadas, observación participante e diagnósticos realizados por Fademga, estruturando o proxecto en catro fases: revisión documental e deseño, traballo de campo, elaboración de propostas de mellora e difusión científica dos resultados.

O equipo de Ourense TermalAcces subliña que “a accesibilidade cognitiva é necesaria para garantir a autonomía e participación social de persoas con discapacidade intelectual e mental, así como de persoas maiores con deterioración cognitiva”, e destaca que o proxecto contribúe a situar Ourense como referente europeo en termalismo accesible, reforzando o turismo social, a inclusión e o envellecemento activo, e dinamizando o ámbito rural da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.077547073364258