A UVigo destina 59.000 euros a proxectos de investigación vinculados á provincia de Ourense

OurenseXa
As axudas están financiadas pola Deputación Provincial de Ourense, no marco do convenio anual asinado coa universidade para o impulso de actividades de investigación, formación, difusión cultural e deporte no campus
Escola de Enxeñería Aeroespacial do Campus de Ourense
10 Feb 2026

A Universidade de Vigo vén de abrir unha nova edición das Axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou, correspondente ao ano 2026, cun orzamento total de 59.000 euros destinado a apoiar proxectos de investigación de interese para a institución académica e para a provincia de Ourense.

A convocatoria ten como finalidade impulsar estudos que contribúan ao desenvolvemento social e económico do territorio e ao coñecemento da súa realidade. Os proxectos estarán desenvolvidos por grupos de investigación do campus de Ourense ao longo de 2026 e contarán cunha subvención máxima de 5.900 euros por iniciativa.

As axudas están financiadas pola Deputación Provincial de Ourense, no marco do convenio anual asinado coa Universidade de Vigo para o impulso de actividades de investigación, formación, difusión cultural e deporte no campus. A través desta iniciativa, búscase tamén fomentar a colaboración entre grupos de diferentes ámbitos de coñecemento, como Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura, Ciencias Sociais e Xurídicas e Arte e Humanidades, así como avanzar na redución do desequilibrio de xénero no ámbito investigador do Sistema Universitario de Galicia.

Poderá optar a estas axudas o persoal investigador da Universidade de Vigo que cumpra os requisitos establecidos nas bases e forme parte dun grupo de investigación do campus. Cada grupo poderá presentar unha única solicitude, cun proxecto que poderá estar liderado por un ou dous investigadores ou investigadoras principais, acompañados dun equipo acorde ás tarefas previstas. Tamén se valorará especialmente a colaboración entre persoal investigador de distintas áreas de coñecemento e centros do campus de Ourense, sempre que este enfoque estea debidamente xustificado.

O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 23 de febreiro. As propostas serán avaliadas por unha comisión integrada polo vicerreitor do campus de Ourense e o director do Campus Auga, ou persoas en quen deleguen, un representante da Deputación Provincial de Ourense e cinco membros do persoal docente e investigador, un por cada ámbito de coñecemento, con dedicación a tempo completo e vinculación permanente, e cun mínimo dun sexenio recoñecido.

Na edición de 2025, a convocatoria Inou permitiu financiar doce proxectos de investigación de carácter diverso, que abrangueron desde iniciativas científicas, como a dixitalización de datos meteorolóxicos en Ourense para a ciencia aberta, ata estudos de ámbito social, como o centrado na poboación centenaria da provincia.

0.1292359828949