A UVigo estrea un curso sobre auga, termalismo e saúde no campus de Ourense

O campus de Ourense da Universidade de Vigo abriu este curso académico 2025/2026 cunha novidade formativa co programa de Experto/a en Auga, Termalismo e Saúde, ofertado pola Facultade de Ciencias. A primeira edición comezou cun grupo de 15 persoas inscritas e co obxectivo de proporcionar “unha formación integral sobre os beneficios terapéuticos e cosméticos da auga mineral-medicinal e termal”.
O título está impulsado polo Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo e enmarcado no Campus Auga, o proxecto de especialización financiada pola Xunta de Galicia. O curso prolongarase ata xuño de 2026.
A actividade docente botou a andar a pasada semana cun primeiro módulo centrado en hidroxeoloxía, control da calidade das augas e normativa legal. Os profesores Pedro Araujo e José Ángel Cid introduciron ao alumnado nesta materia cunha combinación de explicacións teóricas e unha saída práctica pola cidade de Ourense.
Ao longo do curso, os participantes afondarán no papel da auga nos procesos naturais, a súa protección como recurso e a súa utilización no ámbito da saúde e do benestar. O plan formativo abrangue tamén o estudo da pel, os factores que afectan á saúde cutánea e a aplicación das augas en distintas patoloxías segundo as súas propiedades físico-químicas.
Segundo destacan desde a organización, esta iniciativa busca “formar profesionais capaces de traballar no sector da saúde e do benestar, potenciando o uso terapéutico e cosmético das augas termais”.