A UVigo organiza unha nova ruta cultural pola serra do Gerês

GaliciaXa | OurenseXa
As saídas realizaranse desde os tres campus e levarán aos participantes a coñecer a Portela do Homem, na fronteira entre Galicia e Portugal
Rutas_Culturais_UVigo
11 Mar 2026

A Universidade de Vigo retoma este sábado, 14 de marzo, a súa programación de rutas culturais cun percorrido pola fronteira entre Galicia e Portugal. A actividade, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, levará aos participantes pola Portela do Homem, un paso de montaña na serra do Gerês, visitando lugares como a Corga da Fecha e a Cabañiña do Curro, achegándose á fronteira con Portugal e regresando polos Miliarios ata finalizar no Balneario de Lobios.

Desde a organización destacan que estas rutas ofrecen “unha oportunidade para coñecer Galicia e o seu contorno, ademais de desfrutar dun bo ambiente durante o percorrido”. As inscricións realízanse a través do Campus Activo da UVigo e están abertas ao público en xeral, aínda que teñen preferencia os membros da comunidade universitaria.

A saída terá lugar desde os tres campus da UVigo: Ourense (Cafetería Perla), Pontevedra (Praza de Galicia, nº 5) e Vigo (rúa do Areal, nº 52).

A programación continuará o 28 de marzo cun percorrido de alta dificultade por San Mamede, que partirá de Arnuide, ascenderá ata As Corcerizas e o alto de San Mamede, regresando ao punto de inicio. Xa en abril, realizaranse dúas rutas máis: o día 11, de dificultade media, polo Sendeiro do río Gorgua en Padrenda, “moi preto da súa desembocadura no Miño, con fragas, muíños tradicionais e tramos de bosque autóctono”, e o día 25, cunha ruta circular por Porto do Son e Castro de Baroña, que pechará o programa deste segundo cuadrimestre.

0.12096405029297