A UVigo saca a licitación a construción do novo edificio de Aeronáutica do campus de Ourense por 10 millóns de euros

Este xoves abriuse o proceso de licitación para a construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo no campus de Ourense. O contrato ten un valor superior aos 10 millóns de euros (impostos incluídos), financiado conxuntamente pola Universidade de Vigo e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia. Esta licitación, dispoñible na Plataforma de Contratación do Sector Público, é o segundo intento para levantar este edificio, xa que a convocatoria anterior, valorada en 8,3 millóns de euros con impostos, quedou deserta o ano pasado. Nesta nova licitación, o importe total ascende a 10.043.000,01 euros, incluíndo impostos, e o valor estimado sen impostos é de 9.130.000,01 euros. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 11 de abril de 2025 ás 23:59 h. Os criterios para adxudicar o contrato serán a oferta económica (55 %) e a calidade da execución (45 %).
"Estamos moi ilusionados con esta infraestrutura que, ademais de reforzar o prestixio dunha escola xa moi atractiva para o talento, permitirá mellorar os labores esenciais de docencia, investigación e transferencia, ademais de dar máis visibilidade ás titulacións", afirmou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Mirando cara ao futuro, Reigosa engadiu que "unha vez rematado o edificio, poderemos levar a cabo unha reordenación profunda do campus, considerando a posta en marcha da Escola de Enfermaría e as novas titulacións que se poidan implementar".
O 40 % do custo do contrato será asumido pola Universidade de Vigo e o 60 % restante pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia, no marco dos convenios de colaboración asinados entre ambas as dúas institucións para financiar actuacións do Plan de Infraestruturas Universitarias. O último destes acordos formalizouse o pasado 23 de xaneiro no campus de Ourense, nun acto presidido polo reitor da Universidade de Vigo e o conselleiro de Educación, co fin de dar un impulso definitivo a este proxecto.
"O Camaleón"
O futuro edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo situarase na parcela edificable situada á entrada do chamado campus sur de Ourense, xunto á Escola Infantil Concepción Saiz Otero. Esta licitación ten como obxectivo facer realidade o proxecto gañador do concurso de ideas organizado pola UVigo para a construción do edificio. O deseño seleccionado foi presentado por Javier e Carlos Rodríguez Alcoba, do estudo García Rodríguez Alcoba Oficina de Arquitectura de Madrid, cunha proposta titulada "O Camaleón". Tras resultar gañadores, encargóuselles a redacción do proxecto básico, o proxecto de execución e a dirección da obra.
O deseño do edificio componse de tres seccións: unha parte elevada, outra semienterrada e unha conexión entre ambas, cuxa forma e posición están determinadas pola topografía do terreo. Os espazos verdes teñen un papel destacado tanto no interior como no exterior do edificio. Ademais, as solucións construtivas están pensadas para ser eficientes e sostibles, cun enfoque na reutilización, recuperación e reciclaxe de materiais, e no uso de produtos de proximidade (Km 0), con especial atención aos elementos de madeira laminada. O proxecto busca implementar estratexias de deseño, construción e mantemento orientadas a optimizar o rendemento enerxético, o uso eficiente da auga, a redución de emisións de CO2 e a mellora da calidade do ambiente interior.
O novo edificio, cunha superficie construída de aproximadamente 6.364,88 metros cadrados, disporá de dez laboratorios docentes e oito laboratorios de investigación, pensados para apoiar as liñas de investigación que requiran espazos especializados e equipamento específico para o ámbito aeroespacial. Contará tamén con catro aulas con capacidade para 50 persoas, dúas para 70 persoas e outras dúas para 100 persoas, ademais de 35 despachos, unha zona de dirección, seis seminarios e un obradoiro de aproximadamente 200 metros cadrados para traballos que requiran maquinaria pesada ou ruidosa. Así mesmo, o proxecto inclúe unha área de reserva para cubrir futuras necesidades do campus ou das titulacións.
Dende a súa creación no curso 2016/2017, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que cada ano ten unha das notas de acceso máis altas de Galicia, aspirou a contar cun edificio propio que albergue tanto a súa actividade docente de grao e máster como o seu labor investigador. A apertura deste novo espazo permitirá liberar áreas noutros edificios do campus que actualmente se utilizan para estas funcións, facilitando unha reorganización dos espazos nun campus que, ano tras ano, ve aumentar o seu número de estudantes e titulacións, e con iso, as súas necesidades de infraestruturas.