A UVigo volverá sacar a licitación o novo edificio de Aeroespacial de Ourense a comezos deste ano

O campus de Ourense celebrou este mércores o Consello de Campus, un encontro no que se trataron temas como a nova licitación para a construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que se espera iniciar neste comezo de ano; os bos resultados do primeiro ano de acreditación do Campus Auga e os avances en investigación da Universidade de Vigo.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, puxo o foco na licitación para a construción dun novo edificio no campus, destinado á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. A primeira licitación, lanzada o ano pasado cun orzamento de 8,3 millóns de euros (IVE incluído), quedou deserta. Porén, o reitor anunciou que actualmente se están ultimando os axustes necesarios para lanzar unha nova licitación a finais de xaneiro ou en febreiro, cun custo revisado de 10,3 millóns de euros. Este orzamento será financiado nun 60 % mediante un convenio coa Xunta de Galicia e nun 40 % con fondos propios da Universidade de Vigo, xa previstos nos orzamentos deste ano.
Manuel Reigosa subliñou a importancia de axilizar este proceso e destacou que este novo edificio non só cubrirá as necesidades das titulacións de Aeronáutica, senón que tamén permitirá reorganizar e optimizar o campus pensando nun futuro prometedor, avalado polos elevados datos de matrícula. Ademais, sinalou que a creación da futura Facultade de Enfermaría e o inicio de novas titulacións relacionadas co Campus Auga requiren unha planificación axeitada para garantir instalacións de calidade que dean soporte a todas as ensinanzas.
Avances no Campus Auga
Outro tema central da sesión foi o desenvolvemento do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense enfocado nos recursos hídricos e agroalimentarios, que obtivo a súa acreditación como campus de especialización por parte da Xunta de Galicia o ano pasado. Reigosa valorou como “moi exitoso” o desenvolvemento do primeiro ano de acreditación, destacando o alto nivel de execución do orzamento a pesar do pouco tempo dispoñible, e agradeceu o esforzo de quen contribuíu a lograr esta acreditación e a iniciar a súa implementación. Segundo o reitor, esta acreditación xa está a xerar efectos positivos significativos no campus.
Pola súa parte, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, detallou no seu informe os avances logrados desde a acreditación do Campus Auga. O proxecto conta cun financiamento de 3,2 millóns de euros para o período 2024-2027, dos cales 428.450 euros corresponden ao exercicio 2024, que agora se avalía. Tamén explicou os progresos na adaptación da estrutura de gobernanza, a contratación de persoal, a adquisición de infraestruturas e a organización de actividades docentes, de investigación e de transferencia.