A veciñanza de Seixalbo denuncia a redución de frecuencias de autobús á vila dende que Jácome é alcalde

Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo denuncia a perda de autobuses urbanos á vila despois do anuncio do Concello sobre a renovación das frecuencias do transporte urbano, que entrará en vigor a mediados deste mes.
A directiva da asociación cualifica a política de mobilidade urbana do executivo municipal como “nefasta” e denuncia que proposta presentada polo concello de Ourense é substituír as actuais Liñas 1, 2, 14 e 33 por unha única liña denominada 2-A con frecuencia cada 30 minutos, con saída en Santa Cruz e remate no Cumial (e viceversa).
Esta ruta, segundo as explicacións do Concello, será a máis longa de todas, cun percorrido de 20 quilómetros, e unirá Santa Cruz de Arrabaldo coa UNED, a estación, o pavillón, o centro, a Residencia (á altura de Nosa Señora da Saínza), a Universidade Laboral, A Cuña e O Cumial. “A frecuencia, cada 30 minutos, redúcese a 15 ao ir sincronizada coa liña 2-B nalgunhas paradas do treito común entre as dúas”, segundo o texto publicado polo Concello. Porén, lembran dende a asociación veciñal, “para manter a frecuencia cada 30 minutos dunha liña con 20 km farán falta varios vehículos e condutores”. Por outro lado, sinalan que a nova liña 2-B non chegaría a Vila, sendo máis curta que a anterior e con frecuencias similares.
Con este novo mapa, denuncian, Seixalbo pasaría a ter un total de 32 frecuencias de ida e volta, practicamente a metade dos autobuses que tiña a vila antes da chegada de Gonzalo Pérez Jácome á alcaldía. Lembran que cando rematou a concesión do Bus Urbano en 2015, existían 61 frecuencias de ida e outras tantas de volta, cunha media de catro autobuses por hora en cada sentido en cunha puntualidade considerable.
Por iso, piden “como mal menor” engadir dúas paradas máis a liña 2-B e que suba ata Seixalbo, en lugar de rematar no Tanatorio e lembran que Seixalbo é un núcelo de poboación con máis de mil habitantes, que perden agora unha boa parte das conexións coa cidade.
Dende a asociación sinalan ademais que estas liñas "non son de Seixalbo", senón que son un eixo transversal Norte-Sur de Ourense, que move máis de cinco millóns de viaxeiros ao ano. Con esta renovación, afirmaran con contundencia “Seixalbo perde”.