A veciñanza de Seixalbo denuncia que as obras do AVE están a causar incidencias no municipio

A veciñanza de Seixalbo amosa a súa preocupación polas obras que se están a acometer pola Alta Velocidade no tramo deste núcleo rural da cidade de Ourense. Así llo trasladou o presidente da A.VV. San Breixo, Xosé Carballido, ao subdelegado do Goberno, Eladio Santos, nun encontro no que tamén estiveron presentes a deputada no Congreso Marga Martín e a portavoz do grupo municipal socialista no Concello, Natalia González.
Durante o encontro abordouse a problemática actual que os habitantes desta zona padecen coas augas de escorrentía e pluviais entre ámbolos dous lados da traza ferroviaria que cando se producen precipitacións importantes chegan a provocar a entrada de auga nalgunhas vivendas e a inundación dunha rúa principal de elevado tránsito.
Logo de ter percorrido o lugar a deputada no Congreso e a voceira do PSdeG na Casa Consistorial xunto a Carballido, o subdelegado do Goberno comprometeuse a trasladar a problemática tanto a Adif como á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a intentar visitar as obras co xefe das mesmas. Mais tamén lembraron as e os socialistas que se trata dunha responsabilidade que corresponde, en primeira instancia, ao executivo local pola titularidade dos terreos nos que se enmarcan ditas obras.
Así mesmo, dende o grupo municipal do PSdeG preguntaron na Xunta de Área de Urbanismo, ao edil Francisco Lorenzo, a semana pasada se coñecía as necesidades da veciñanza e as modificacións que urxe facer na canalización. "O concelleiro respondeu que mandarían un informe a Adif reclamando que se faga cargo das modificacións, desentendéndose das eivas do proxecto que xa pasou os procedementos legais e a exposición pública pertinente", relatou a portavoz.
Así as cousas, as e os socialistas esixen ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome que atenda ás súas responsabilidades e dea resposta ás demandas e necesidades da veciñanza de Seixalbo.