A VespaNoelada aterriza en Ourense coa súa iniciativa solidaria de recollida de alimentos
A cidade de Ourense vive este sábado, 14 de decembro, dunha nova edición da VespaNoelada, unha actividade solidaria organizada polo Club Vespa - Lambretta Avispados Ourense e o Concello de Ourense.
Os participantes, disfrazados de Papá Noel, percorrerán as rúas de Ourense montados nas súas clásicas Vespas e Lambrettas coa finalidade de recoller alimentos e produtos infantís, que posteriormente entregarán ao Banco de Alimentos de Ourense.
O desfile, cheo de cor e alegría, pretende non só animar a cidade durante o Nadal, senón tamén fomentar a solidariedade e o compromiso social, unido á paixón polas motos clásicas coa vontade de axudar a quen máis o necesitan.
A VespaNoelada sairá ás 10.30 horas da Avenida de Portugal (xunto ao Bar Gráfico) e percorrerá a cidade parando nos comercios da cidade colaboradores, onde previamente se deixaron as caixas do Banco de alimentos para que a xente puidese deixar nelas as súas doazóns. Cunha furgoneta de Protección Civil, irán cargando as caixas que levarán despois ao Banco de Alimentos de Ourense.